O Consello de Contas vén de finalizar a fiscalización das cifras do Concello de Vigo correspondentes ao ano 2018 e dos procedementos e medidas de control interno para garantir unha axeitada xestión económico-orzamentaria e para comprobar o cumprimento da rendición de contas.
En rolda de prensa, o alcalde puxo en valor a lectura “positiva” que fai o ente, que subliña o cumprimento dos prazos para a aprobación do orzamento, para a rendición da Conta Xeral do exercicio e para a remisión da información contractual ao Tribunal de Contas e ao propio Consello de Contas. Ademais, Abel Caballero singularizou que o organismo non realizou reparo algún nin detectou incumprimentos nos procedementos e na xestión do goberno de Vigo.
Para a súa fiscalización, Contas examina algunhas áreas clave para a xestión económica pública. O alcalde comunicou que, en materia orzamentaria, Contas recolleu o crecemento do orzamento nun 9,6% sobre o anterior, unha execución do 82% e un resultado orzamentario positivo de 30 millóns de euros. Ademais, indicou que non se emitiron informes de reparo nin suspensivos pola Intervención municipal, nin se aprobaron recoñecementos extraxudiciais de crédito, e o período de pago a provedores no mes de decembro foi de 7,5 días, o mellor prazo das 10.000 entidades pagadoras do país, afirmou Caballero. O organismo fixo referencia expresa ao pago de 35 millóns polo Auditorio Mar de Vigo e ao concurso da adxudicataria dos aparcamentos soterrados de Castelao e de Jenaro de la Fuente, que non xerou desequilibrio estrutural nas contas municipais, e foi resolto satisfactoriamente polo “saneado” do Concello, en verbas do primeiro edil.
Contas tamén verificou que, no tocante á xestión informática de expedientes, o Concello dispón desde 2017 dun plan de adecuación ao Esquema Nacional de Seguridade, que permite analizar os riscos e determinar as prioridades de tratamento de datos. Na área de subvencións, o Consello destacou que se axustan ao procedemento de concorrencia competitiva e por convenio, e singularizou os case que 12 millóns aos viaxeiros do transporte público urbano e os cerca de 4,2 millóns en apoios directos desde o departamento de Benestar.
No eido de Contratación, a fiscalización ascendeu a 99 contratos por importe de 107 millóns, sendo a porcentaxe dos contratos menores o 9% do total do Concello e máis do 80% seguindo o procedemento aberto. Caballero puxo en valor estas porcentaxes e engadiu que Contas sinala que o importe total dos contratos adxudicados no 2018 foi de 93,6 millóns e comprobou a transparencia en materia de contratos menores, tanto a través do Portal de Transparencia como da Plataforma de contratación do sector público. Por outro lado, o ente apunta ao cumprimento coa publicidade dos contratos, a xustificación das necesidades e o procedemento de contratación, así como o respecto ás contías máximas permitidas.
Por último, o Consello de Contas tamén comprobou que a Relación de Postos de Traballo cumpre cos requisitos legais e, como é habitual, anota unhas recomendacións nas que o Concello, afirmou o alcalde, xa está traballando.