Editors Choice

3/recent/post-list

Ad Code

Responsive Advertisement

Recent in Technology

No 2019 certificáronse co selo de calidade ‘pescadeRías’ preto de 12.500 toneladas de produtos do mar

A conselleira do Mar clausurou por videoconferencia a xornada ‘Valor e trazabilidade 4.0 en alimentación’.
Galicia aposta polo uso das novas tecnoloxías nas lonxas e portos para impulsar o desenvolvemento do sector pesqueiro.
Máis de 20 lonxas galegas realizaron preto de 67.000 poxas dixitais nas que se xestionaron arredor de 7,5 millóns de quilos de produtos do mar por un importe de venda que roldou os 26,5 millóns de euros.

 

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, destacou hoxe a importancia de aplicar as tecnoloxías á xestión global da actividade pesqueira para garantir o futuro da actividade e avanzar na súa competitividade, sustentabilidade e no posicionamento dos produtos do mar. Uns obxectivos que perseguen distintos proxectos nos que traballa o Executivo galego como Primare, que é unha iniciativa para a dixitalización das lonxas; os terminais electrónicos Ticpesc instalados en diferentes portos e nos que o sector pode realizar xestións correspondentes á súa actividade diaria, ou o selo de calidade pescadeRías, de onde se non?
Así o salientou hoxe na clausura por videoconferencia da xornada Valor e trazabilidade 4.0 en alimentación. Uso de tecnoloxía blockchain, lot e big data para empoderar ao consumidor, que organiza Fish World Track en colaboración co Círculo de Empresarios de Galicia, Elige Plus Consultores, PWC e Vottun.

En relación a Primare a titular de Mar explicou que o proxecto está xa activo en 23 lonxas nas que se celebraron arredor de 67.000 poxas dixitais que xestionaron preto de 7,5 millóns de quilos de produtos do mar por un importe de venda que roldou os 26,5 millóns de euros. Esta iniciativa, sinalou, consiste nunha plataforma tecnolóxica que integra os sistemas de xestión, poxa, comercialización e emisión de notas de venda, modernizando os procesos.

Ademais de permitir as poxas online, Primare fai posible que, a través dunha aplicación instalada no smartphone, o sector poida obter información da identificación, clasificación e pesaxe das capturas descargadas na lonxa para a poxa. Con ela os profesionais do mar tamén poden emitir os documentos de comercialización do produto e dispor dun sistema de xestión que facilite a tramitación da contabilidade, entre outros aspectos.

En canto aos caixeiros Ticpesc, Rosa Quintana subliñou que Galicia dispón de 66 en distintos puntos do litoral e deles un terzo conta cunha báscula que permite aos profesionais do mar pesar os produtos da pesca e do marisqueo no mesmo momento no que se realiza o desembarque das capturas, ademais de emitir documentos relacionados coa súa actividade. Desde a posta en marcha destes terminais no ano 2010, sinalou a conselleira, xeráronse neles máis de 480.000 documentos de transporte, orixe, rexistro, alternancia de artes e devolución a orixe. Grazas a estes caixeiros que prestan servizo durante as 24 horas dos 365 días do ano, especificou a titular de Mar, “o sector non depende dos horarios de atención das confrarías, lonxas ou outras asociacións profesionais do sector”.

Outro dos proxectos que mencionou a conselleira do Mar foi o selo de calidade pescadeRías, de onde se non? co que a Xunta protexe e promove a trazabilidade a través da identificación dos produtos mariños procedentes da pesca artesanal. Deste xeito, expuxo, Galicia busca “diferenciar un produto de alta calidade garantindo ao consumidor frescura, orixe e sustentabilidade” e “impulsar a protección da pesca artesanal como modelo de explotación sustentable dos recursos pesqueiros”. O ano pasado o produto certificado con esta marca roldou as 12.500 toneladas.

Todos estes proxectos conflúen na estratexia tecnolóxica conxunta Axenda Dixital 2020, á que a Consellería do Mar responde “coa modernización e transformación dixital do sector marítimo-pesqueiro” para avanzar na competitividade do sector, protexer os ecosistemas mariños e impulsar a seguridade alimentaria como elemento de marca para xerar confianza nos consumidores, subliñou Rosa Quintana.

A xornada Valor e trazabilidade 4.0 en alimentación contou con expertos na tecnoloxía Blockchain, con experiencias reais desenvolvidas para diferentes empresas, representantes da industria da distribución, de consumidores e da Administración Pública, que reflexionaron sobre o valor que as tecnoloxías achegan á transparencia e confianza na cadea de produtos alimentarios, especialmente pesqueiros. Nela presentouse a plataforma de trazabilidade pesqueira Fish WorldTrack (FWT), unha ferramenta que naceu en Galicia co obxectivo de dixitalizar o sector pesqueiro en toda a súa cadea de valor, combinando tecnoloxías como Blockchain, IoT e Big Data.

Publicar un comentario

0 Comentarios

Ad Code

Responsive Advertisement