Editors Choice

3/recent/post-list

Ad Code

Responsive Advertisement

Recent in Technology

Lorenzana da cuentas en el Parlamento y habla de 10.200 ayudas abonadas a autónomos y microempresas


Nos próximos días ingresaranse outros 10M€ polo que a menos dun mes da publicación das ordes de apoios do Plan de rescate terase aboado o 41% das peticións presentadas ata o de agora 

A XUNTA XA ABONOU 10.200 AXUDAS DO PLAN DE RESCATE DE AUTÓNOMOS, MICROEMPRESAS E HOSTALERÍA POR IMPORTE DE 12,7 MILLÓNS

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, compareceu hoxe no Parlamento galego para informar sobre as medidas levadas a cabo para facer fronte á covid-19 e as liñas estratéxicas do departamento autonómico para 2021

Lorenzana pon en valor outras medidas activadas para loitar contra a pandemia como é a axilización na tramitación dos ERTE que na segunda vaga non superou os cinco días desde a súa presentación

A titular de Emprego e Igualdade anunciou como novidade para 2021 o desenvolvemento dun programa para crear emprego e economía social de proximidade no territorio galego 

O impulso á formación e aos programas de igualdade laboral para contribuír á conciliación da vida familiar e laboral, a creación dun novo Servizo Público de Emprego de Galicia e a loita contra a violencia de xénero son outros dos eixos centrais da Consellería para 2021


A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, compareceu hoxe no Parlamento de Galicia para dar conta das medidas postas en marcha polo departamento autonómico para facer fronte á covid-19 e informar sobre as liñas estratéxicas para 2021. Así, puxo en valor o Plan de rescate para persoas traballadoras autónomas, microempresas e a hostalería co que se está a apoiar aos sectores que máis están a padecer os efectos da pandemia.
Lorenzana explicou que a Xunta está a axilizar o máximo posible a tramitación destas axudas, un esforzo que, segundo apuntou, ten permitido aboar en menos dun mes 10.200 peticións (o 25%) por valor de 12,7 millóns de euros e avanzou que nos próximos días ingresaranse outros 10 millóns, polo que a menos dun mes da publicación das tres ordes de axudas (autónomos, microempresas e hostalería) terase aboado o 41% das peticións presentadas ata o momento.
Tamén deixou claro que este Plan renovarase en 2021 se é preciso e, como ata o de agora, “con axudas áxiles, fáciles e se cobrarán de xeito inmediato”. Ademais, garantiu que en xaneiro terminarán de ingresarse a totalidade das axudas para que os cartos cheguen nestes momentos, cando máis se necesitan.

Axilización ERTE

A titular de Emprego e Igualdade tamén puxo en valor outras medidas postas en marcha para loitar contra a crise sanitaria como a axilización na tramitación dos ERTE, un proceso que na segunda vaga non superou os cinco días desde a presentación dos expedientes, facilitando, así, ás traballadoras e traballadores o acceso ás prestacións. Elaboráronse, ademais, guías interpretativas para a xestión dos ERTE en coordinación cos colexios profesionais de graduados sociais, xestores, economistas e avogados.
En materia laboral, a conselleira tamén referiuse ao traballo que está a desempeñar o ISSGA acompañando ao tecido empresarial con medidas para garantir a seguridade e saúde laboral, con especial atención ás pemes e autónomos, e prestando asesoramento técnico no eido público e privado. Lorenzana, ademais, destacou a creación da unidade de referencia covid-19 para prestar apoio á contorna laboral.
Outras medidas no eido do emprego que resaltou a conselleira foron a aposta pola teleformación, poñendo como exemplo a cualificación impartida polo Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia; e en materia de igualdade o Plan de reforzo da atención das vítimas da violencia de xénero con novos recursos e ampliación dos existentes, 17 medidas orientadas todas elas a mitigar a situación de illamento das mulleres. 

Liñas estratéxicas

A conselleira de Emprego e Igualdade tamén informou na Cámara galega sobre as liñas estratéxicas do departamento autonómico para 2021. Neste punto avanzou que o próximo ano se porá en marcha, como novidade, un programa para impulsar novas iniciativas empresariais que permitan crear emprego e desenvolvemento económico baixa calquera fórmula xurídica cun eixo común: atender necesidades non cubertas no territorio. Trátase dunha iniciativa para contribuír a desenvolver cadeas de valor vinculadas a industrias ou servizos presentes no territorio para crear emprego e economía social de proximidade.
Lorenzana afirmou, así mesmo, que a promoción da igualdade laboral será un eixo principal en 2021 coa posta en marcha de novos programas de formación para traballadoras e traballadores e as empresas nesta materia, así como a creación de instrumentos tecnolóxicos que faciliten a implantación dos plans de igualdade nas compañías e o mantemento das axudas dirixidas a potenciar o teletraballo como medida de fomento da conciliación laboral e familiar.
A titular de Emprego e Igualdade asegurou, doutra banda, que o diálogo social seguirá sendo un dos puntais da Consellería para continuar chegando a acordos no deseño de medidas como foi co proxecto Empreganav, que con 3,3 millóns de euros permitirá a reinserción laboral de 500 persoas desempregadas do naval.
Así mesmo, Lorenzana comprometeuse á reforma integral do Servizo Público de Emprego de Galicia, desde as oficinas de emprego ata a implantación dun novo software que optimice as tarefas relacionadas coa xestión do emprego e a formación. Ao respecto, anunciou que o vindeiro ano finalizarase a obra da oficina de Lugo e se licitará as obras da Coruña, Cangas, Ponteareas e Verín, que xa contan con proxectos aprobados. Expuxo tamén que a dixitalización do Servizo Público de Emprego comprende a posta en marcha dun novo sistema operativo na xestión e control da demanda de emprego e formación cun orzamento de preto de 6 millóns de euros.
Explicou, ademais, na Cámara que está previsto a realización dun ambicioso estudo de tecnoloxías emerxentes, unha proposta de cualificacións profesionais que serán necesarias para facer fronte aos empregos do futuro e que os apoios aos autónomos e á economía social seguirán sendo prioritarios, así como as axudas ás persoas con maiores dificultades para acceder ao mercado laboral como son as mulleres, mozos e mozas, parados de longa duración e persoas con discapacidade ou en risco de exclusión.

Igualdade

En materia de igualdade, a Secretaría Xeral refórzase con 30,2 millóns de euros, un 10,2% máis que no 2020 para seguir loitando contra a violencia de xénero e dar un apoio integral ás vítimas. Así, incrementarase nun 100%, é dicir, o dobre, as axudas directas de pagamento único para mulleres vítimas de violencia de xénero desempregadas, que contarán cun orzamento de 1,2 millóns de euros e, en canto ás prestacións periódicas -a Xunta é a única comunidade do Estado que conta con estes apoios- terán un orzamento inicial de catro millóns, que serán ampliables.
A conselleira anunciou tamén que traballará da man da Vicepresidencia primeira e dos colexios de avogados para incluír, como novidade, o acceso á asistencia xurídica gratuíta ás vítimas de violencia sexual, a través da quenda de oficio especializada en violencia de xénero e porase en marcha un novo recurso de acollida especializado para mulleres vítimas de violencia de xénero con problemas de adiccións, en colaboración con Proxecto Home. Lembrou, así mesmo, que o programa Emega, de apoio ao emprendemento feminino, reforzarse, destinando máis do dobre do investimento que en 2020, ata un total de 3,6 millóns de euros, sendo a dotación máis alta da súa historia. Os programas de conciliación e corresponsabilidade tamén aumentarán nun 41,19%.
En definitiva, a conselleira apuntou que cos orzamentos de 2021, que alcanzan os 355 millóns de euros (+33%), poranse en marcha axudas directas, formación e uns servizos de emprego eficaces que fomenten a empregabilidade e constitúan a base dun desenvolvemento sustentable que garantan o futuro de Galicia, un futuro que, en palabras de Lorenanza, pasa por “unha Galicia libre de violencia machista e unha Galicia igualitaria para mulleres e homes”, rematou.

María Jesús Lorenzana


Publicar un comentario

0 Comentarios

Ad Code

Responsive Advertisement