A través desta liña de axudas, a institución provincial pon a disposición dos servizos sociais comunitarios dos concellos recursos públicos de xeito áxil e eficaz para que poidan atender as demandas de urxente e puntual necesidade das e dos cidadáns que se atopan en situación ou risco de exclusión social, con especial atención a aquelas persoas con menores ao seu cargo, amais de dar resposta a situacións de grave emerxencia. Dos citados 565.000 euros, un total de 365.000 euros son para axudas de gastos correntes e 200.000 euros para investimentos, e establécese unha contía máxima para cada concello que vai desde os 7.800 aos 17.800 euros, en función da súa poboación e da porcentaxe de desemprego con respecto á mesma.
Estas axudas permiten ás persoas en situación de vulnerabilidade poder afrontar pagamentos de diferentes tipos, entre os que se inclúen gastos de alimentación, vivenda ou necesidades básicas. Para o vindeiro ano, como novidade, incluirase na tipoloxía destas achegas as destinadas á adquisición de roupa e calzado, así como á compra de produtos de protección contra a Covid, coma máscaras e xel hidroalcólico.
O resto dos pagamentos que se poden financiar a través destas axudas son os servizos de carácter complementario por parte de persoas con algunha diversidade funcional ou dependencia que non poidan facerlle fronte ao gasto por si mesmas; o pago de custes de alimentación; de uso da vivenda; de recibos; pagamento de produtos de hixiene e limpeza; de produtos farmacéuticos; adquisición de electrodomésticos básicos; pago de gastos de desprazamentos; de lentes e audífonos; de tratamentos de odontoloxía; pago de produtos de apoio para persoas con diversidade funcional e de apoio á infancia.
O pasado ano estas axudas da Deputación deron cobertura a 1.65o unidades de convivencia na provincia, das que 1.150 tiñan menores ao seu cargo e 896 tiñan a ambos proxenitores en situación de desemprego. Ademais, 300 das beneficiarias eran familias monoparentais, 392 eran usuarias do Servizo de Educación e Apoio Familiar, e 73 usuarias do Servizo de Axuda no Fogar. Así mesmo, 67 persoas eran vítimas de violencia de xénero, 333 tiñan diversidade funcional ou grao de dependencia recoñecido, e 278 eran persoas maiores. Doutra banda, outras 159 eran persoas con alcoholismo e ou drogodependencia; 13 eran persoas transeúntes ou sen fogar; 29 foron persoas solicitantes de asilo ou refuxiados e 59 eran emigrantes retornados.