No Baixo Miño, o BNG lanza unha campaña de apoio ao comercio local baixo o lema Mellor local, Mellor Galego e cunha dobre petición aos galegos e as galegas: consumamos produto do país e consumámolo no comercio de proximidade, axudando deste xeito a reactivación económica e social dun sector que xera moitos empregos e cun efecto dinamizador da nosa vila.
O portavoz municipal no concello guardés, Anxo Baz, explicou “Todos somos conscientes do efecto tremendo que provoca ver unha rúa coas persianas baixadas e os locais baleiros e, tamén sabemos, o positivo que resulta tanto no económico como no social un comercio local vivo e dinámico”.
O BNG anima a comprar produto feito aquí e vendido no comercio local todo o ano, pero especialmente nestas datas e nestes tempos de pandemia. Anxo Baz manifestou “con esta campaña queremos facer un chamamento a consumir produto galego e facelo no comercio local, apostar polo noso” para acabar concluindo “O comercio local significa: calidade, trato personalizado, produto coidado e diferenciado”.
Pola súa parte Bea Lomba, concelleira e responsábel local do BNG, anunciou os eixos da campaña do BNG: “ademais dunha tirada de carteis para repartir no comercio, editamos un video para promocionar nas redes sociais feito por Guardeses e Guardesas que producen aquí ou consumen habitualmente no mercado local”.
A nacionalista tamén aclarou “ademais desta campaña de sensibilización, o Bloque presentará unha moción no próximo pleno na que propoñemos un paquete de medidas concretas que teñan en conta a crise xerada pola pandemia na hostalaría e tamén os retos aos que ten que enfrontarse o pequeño e mediano comercio ante novos habitos como a compra online, en auxe”.