"RIAS BAIXAS TRIBUNA" es una web que funciona sin ánimo de lucro alguno. Es de agradecer el interés que muestras por esta opción...
O PP propón á Deputación que poña en marcha unha plataforma de venta online para o pequeno comercio da provinciaPardo sinala que “a situación actual está cambiando hábitos cara a compra online e, por iso, o comercio de proximidade non pode quedar fóra”.
Os deputados provinciais reuníronse con representantes das asociacións empresariais provinciais para explicarlles o plan de axudas a autónomos e pemes que defenderán este venres no pleno da institución provincial.
O grupo provincial do Partido Popular pedirá este venres no pleno que a Deputación de Pontevedra poña en marcha unha plataforma provincial de venta online para o pequeno comercio da provincia, sen comisións, e que sirva de instrumento dinamizador. Ademais, propón tamén que se desenvolva a loxística que se encargue da distribución da mercancía que se venda.
A deputada popular Pepa Pardo sinala que “a Deputación debe liderar un proxecto para dinamizar o comercio local e permitir que acceda ao mercado online”. Unha plataforma provincial única desde a que os pequenos empresarios poderían ofrecer os seus produtos e tramitar as súas ventas, de forma sinxela e á que poidan incorporarse de xeito gratuíto. “Permitirá modernizar o tecido produtivo da provincia, potenciando o seu desembarco en internet e abrindo novas oportunidades de negocio”, explicou.
Pardo di que as campañas de promoción de consumo no comercio local son necesarias pero insuficientes. “Hai que ir máis aló, hai que facer unha aposta decidida por axudar ao comercio desta provincia”.
Defende que o comercio de proximidade “é fundamental para crear vida nos nosos concellos” e ofrecen un tipo de atención “moito máis próxima” que as grandes distribuidoras de venta por internet, “pero non é menos certo que o consumo está caendo e que a situación actual está cambiando hábitos cara a compra online e, por iso, o comercio de proximidade non pode quedar fóra”. Por iso entende que “é fundamental que os pequenos comercios da provincia se dean a coñecer e cheguen a un volume máis amplo de poboación para garantir a súa supervivencia” e recorda que, segundo os datos de 2019, o comercio electrónico factura anualmente en España preto de 50 mil millóns de euros.
Trátase, engade, dunha axuda fundamental para o comercio desta provincia. “A pandemia sanitaria está provocando unha importante crise económica e social, con importantes consecuencias e prexuízos para o comercio local desta provincia”. Por iso entende que ningunha administración debe quedar atrás e todas deben colaborar para axudar aos autónomos desta provincia “a competir non só contra un descenso do consumo e as medidas de prevención, senón tamén contra as grandes distribuidoras e plataformas de venta por internet”.
REUNIÓN CON ASOCIACIÓNS DE EMPRESARIOS
Tamén no pleno deste venres debaterase outra das propostas do PP para crear un plan de axudas a autónomos e pemes nos concellos de menos de 50 mil habitantes, dotado con 10 millóns de euros. Onte pola tarde os deputados populares Pepa Pardo e Alfonso Marnotes presentaron e explicaron a súa proposta a representantes das diferentes asociacións empresariais provinciais, e defenderon a importancia de que a Deputación de Pontevedra tamén se sume á Xunta de Galicia en dotar de axudas directas ás pemes e aos autónomos desta provincia. “Ten que deixar de marxinar aos autónomos, pemes e hosteleiros desta provincia”, pediu Alfonso Marnotes.
“Pedímoslle a Carmela Silva que tome como modelo o que está facendo a Deputación da Coruña, e que deixe de ser a única deputación galega que non destinou nin un só euro para os autónomos”, sinalou. O obxectivo, engadiu, é axudar ao pago de gastos correntes e de funcionamento, como pode ser o aluguer, a luz, o teléfono ou a seguridade social. “É cuestión de vontade política. Se outras deputacións poden, a de Pontevedra tamén. E, ademais, ten capacidade económica para facelo. Ten 18 millóns de remanente”.