Editors Choice

3/recent/post-list

Ad Code

Responsive Advertisement

Recent in Technology

"Machados. Cinco vidas, unha historia" llega al Museo de Pontevedra

"RIAS BAIXAS TRIBUNA" es una web que funciona sin ánimo de lucro alguno. Es de agradecer el interés que muestras por esta opción...

O MUSEO ACOLLE A EXPOSICIÓN ITINERANTE ‘MACHADOS. CINCO VIDAS, UNHA HISTORIA’ PROMOVIDA POLO CSIC

A mostra fai unha aproximación á metalurxia da Idade do Bronce Final na fachada Atlántica europea

Estará aberta dende o 26 de novembro ao 2 de febreiro e amosará pezas metálicas, negativos fotográficos e publicacións antigas


O Museo de Pontevedra vai acoller dende o xoves 26 de novembro ao 2 de febreiro a mostra itinerante ‘Machados. Cinco vidas, unha historia. A metalurxia do Bronce Final na colección arqueolóxica da Universidade de Santiago de Compostela’ promovida polo Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) a través do Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit). A exposición ofrece unha aproximación á metalurxia da Idade do Bronce Final (c. 1300-850 a. C.) na fachada atlántica europea. Conta con 22 pezas metálicas, na súa maioría machadas de bronce, en cuxos traballos de investigación e restauración participaron un equipo de expertos dirixido por Xosé-Lois Armada, investigador Ramón e Cajal do Incipit e comisario da exposición.

Os obxectos pertencen a antigas coleccións arqueolóxicas de Santiago da Iglesia, Federico Maciñeira e José Viqueira Barrio, que foron doadas á Universidade de Santiago de Compostela (USC) entre os anos 1927 e 1948 e que na actualidade forman parte da colección arqueolóxica da USC. Cabe destacar tamén a presenza dunha punta de lanza de gran tamaño, achada na parroquia de Deixebre (Oroso) e que conta con paralelos, pezas de similares características, elaborados en Irlanda.

Segundo a organización, esta exposición “non só abre unha porta á Prehistoria, senón que tamén posúe unha biografía recente que resulta, en moitas ocasións, igual ou máis reveladora. De feito, o título da mesma fai referencia ás cinco vidas polas que xa pasaron estes obxectos e que se inician coa súa elaboración e terminan cos últimos estudos realizados polo Incipit”.

Ademais, móstrase interesante documentación inédita, negativos fotográficos en placa de vidro ou publicacións antigas que permiten coñecer a historia das devanditas coleccións e o seu proceso de incorporación na Universidade. Tamén forma parte do discurso expositivo todo o proceso de investigación e restauración. Para a ocasión creáronse ademais modelos 3D, que permitirán unha detallada visualización de parte das pezas en computadores e dispositivos móbiles.

Tras a súa elaboración e uso fai uns 3.000 anos, os obxectos que se exhiben nesta mostra foron retirados da circulación e enterrados, formando acumulacións de metal, un fenómeno que abarca amplas áreas do continente europeo e cuxo significado aínda constitúe unha incógnita. De feito, as pezas foron recuperadas a finais do século XIX, a miúdo durante labores agrícolas e de forma casual. No caso concreto de Galicia, acháronse en diversos lugares das provincias de A Coruña, Ourense e Lugo, concretamente nos termos municipais de Ortigueira, As Pontes, Verín ou Vilalba, entre outros. Finalmente, foron parar a mans de coleccionistas eruditos que, ao final das súas vidas, decidiron doar as súas coleccións á universidade, onde seguen sendo estudadas e hoxe forman parte do seu acervo patrimonial.

A exposición, de carácter itinerante, mostrouse en XEDIFICIOX (Santiago de Compostela, xullo de 2019) e en XEDIFICIOX (A Coruña, outubro de 2020) e prevese algunha outra parada. No marco do seu itinerancia, publicouse un catálogo que pode descargarse gratuitamente en Dixital CSIC: https://dixital. csic.es/ handle/10261/203467.

No Museo de Pontevedra estará aberta ao público desde o 26 de novembro e ata o 2 de febreiro no Edificio Sarmiento, onde pode visitarse gratuitamente de martes a sábado de 10 a 21 horas e domingos e festivos de 11 a 14horas (salvo os días 24, 25, 31 de decembro, 1 e 6 de xaneiro, que permanecerá pechada).

“Na actualidade, as investigacións lideradas desde o Incipit permitiron reconstruír esta apaixonante historia e mostran que, tres milenios despois, estes obxectos teñen aínda moito que contarnos. Os traballos realizados comprenderon a documentación exhaustiva das pezas, a súa análise arqueométrica, mediante técnicas como a Fluorescencia de Raios X (FRX) ou os isótopos de chumbo, a restauración de toda a colección e a reconstrución da súa historia e vicisitudes a través de numerosa documentación inédita”, destaca Xosé Lois Armada.

O estudo dos obxectos foi realizado por persoal científico e técnico do CSIC e a restauración das mesmas correu a cargo de Yolanda Porto, xerente de ‘Fráxil’ e restauradora cunha dilatada experiencia en conservación do patrimonio arqueolóxico. Pola súa banda, os modelos 3D son da autoría de Alejandro Güimil e Patricia Mañá, de ‘Dimenso’. O deseño e idea da exposición foi efectuado por ‘Kultura. Ideas e estratexias para o Patrimonio SL’. O financiamento das investigacións e da propia exposición corre a cargo da Axencia Galega de Innovación (GAIN – Xunta de Galicia) a través da súa convocatoria de Proxectos de Excelencia.



Publicar un comentario

0 Comentarios

Ad Code

Responsive Advertisement