"RIAS BAIXAS TRIBUNA" es una web que funciona sin ánimo de lucro alguno. Es de agradecer el interés que muestras por esta opción...
As emendas do PP aos orzamentos da Deputación reclaman máis gasto social, axudas para autónomos e aumento do Plan Concellos
Cubela sinala que “ante unha situación excepcional, a provincia precisa dunhas contas excepcionais para afrontar os novos retos, e a proposta do Goberno é totalmente continuista”.
O grupo provincial do Partido Popular presenta para o seu debate no pleno extraordinario de mañá venres, unha emenda á totalidade do orzamento da Deputación de Pontevedra para o ano 2021, que reclama máis gasto social, axudas para autónomos e pemes, o aumento do Plan Concellos e un plan de melloras nas estradas provinciais, entre outras. O voceiro do PP, Jorge Cubela, sinala que “ante unha situación excepcional, a provincia precisa dunhas contas excepcionais para afrontar os novos retos xerados pola Covid, e a proposta do Goberno é totalmente continuísta”.
Por iso, os populares entenden que o orzamento debe “incorporar partidas moi importantes, fundamentais, que non se recollen, para converter este documento no orzamento que realmente necesita esta provincia para afrontar os novos retos provocados pola pandemia”.
Neste senso, os populares propoñen, en primeiro lugar, ampliar a aportación ao Plan Concellos en 7 millóns de euros, “xa que os concellos son os que con menos recursos están dando solucións de primeira man ás persoas, colectivos e sectores máis prexudicados por esta pandemia”. Din que con todas as necesidades que están xurdindo a nivel local, non pode manterse o Plan Concellos coas mesmas cantidades que 2020, o que supón un 1,2 millóns menos que en 2019.
Ademais, reclaman máis gasto social, e que se cree un plan de axuda específico de 3 millóns de euros para reforzar os gastos dos servizos sociais comunitarios dos concellos que se están vendo incrementados pola crise. “Pola contra, a proposta do Goberno prevé reducir o gasto social en 550.000 euros, seguen abusando do gasto corrente e manteñen unha partida desorbitada para publicidade e propaganda da presidenta, con máis de 1,5 millóns de euros”.
As emendas do PP tamén inclúen un plan de 10 millóns de euros para axudar aos autónomos e pemes nos concellos de menos de 50 mil habitantes. “Estes orzamentos deixan orfos aos autónomos desta provincia, nin unha partida específica para eles. Son o motor da creación de emprego na provincia, co seu esforzo levantan a persiana desta provincia e é fundamental que a Deputación de Pontevedra apoie aos autónomos e pequenos empresarios”.
Outro dos plans, con 5 millóns de euros, destinaríase para mellorar a rede provincial de estradas, “que son vertebradoras do noso territorio, non só para mellorar a seguridade, senón tamén a conexión entre os 61 concellos da provincia e facilitar a mobilidade en igualdade de codicións”.
Por último, piden maior apoio para os clubs de elite que participan en competicións europeas, cun aumento das axudas que se lles destinan en 15.000 euros por club.
Cubela incide en que “é cuestión de vontade política que a Deputación acepte estas emendas, porque ten capacidade para asumir todos estes gastos e máis”.
Os deputados populares amósanse satisfeitos pola rectificación do Goberno da Deputación tras a solicitude do PP para que conxele os seus soldos en 2021, do mesmo xeito que xa anunciara o goberno galego. “Nesta situación non cabía o aumento de soldos que propoñían, estaba totalmente alonxado da situación actual, e por iso estamos satisfeitos con que rectifiquen e decidan non modificalos”.