Editors Choice

3/recent/post-list

Ad Code

Responsive Advertisement

Recent in Technology

Desde hoy, la Universidad de Vigo cuenta con 172 catedráticos(as)

"RIAS BAIXAS TRIBUNA" es una web que funciona sin ánimo de lucro alguno. Es de agradecer el interés que muestras por esta opción...

Fonte : DUVI 12/11/2020

A Universidade de Vigo acada desde hoxe a cifra de 172 catedráticos e catedráticas, ao sumarse aos 148 contabilizados ata agora (109 homes e 39 mulleres), as e os 24 que hoxe asinaron os seus nomeamentos, nun acto celebrado no paraninfo do campus vigués. A escasa representación feminina (catro mulleres, fronte a 20 homes) e a consecución dun recoñecemento, retrasado anos nalgúns casos e mesmo anulado noutros, confluíron este xoves nunha xornada, que o reitor denominou como “día grande para a institución, porque tedes méritos máis que sobrados para chegar ao máximo nivel ao que se pode chegar dentro da universidade española”.

Do total de catedráticos e catedráticas que hoxe tomaron posesión, 19 pertencen a facultades e escolas do campus de Vigo (José Manuel García, Pedro Pablo Gallego e Juan José Pasantes da Facultade de Bioloxía; Mariano Lastra, Emilio Marañón, Manuel Martínez e María Teresa Pérez da Facultade de Ciencias do Mar; Jorge Bravo, Jesús Antonio Castro, María Soledad García e Ana Graña da Facultade de Química; Jesús González da Facultade de Filoloxía e Tradución; Enrique Granada, Leandro Rafael Alejano; Pedro Arias e José Benito Vázquez da Escola de Enxeñaría Industrial; José Luis Rodríguez e José Luis Alba, da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e Miguel Ángel Michinel da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo); catro ao campus de Ourense (Inés Iglesias Canle da Facultade de Dereito e José Manuel Domínguez; José Luis Alonso e Gil Garrote da Facultade de Ciencias) e un ao campus pontevedrés (Adolfo Cordero, docente e investigador da Escola de Enxeñaría Forestal). 24 novas e novos catedráticos que, segundo Manuel Reigosa, permiten ir recortando un déficit crónico que se arrastra desde a creación da institución e que agora “amosa que o que se sementou inicialmente agora está dando froitos”.

Na súa intervención, o reitor lamentou a escasa presenza de mulleres no acto celebrado hoxe (catro, fronte a 20 homes), que deixa un global a día de hoxe na UVigo de 129 catedráticos, fronte a 43 catedráticas. Reigosa asegurou que “o número de mulleres que hoxe facemos catedráticas é moi pequeno. Cabería pensar que tivésemos a metade e metade, por iso imos tentar entre todos e todas conseguir unha universidade absolutamente igualitaria e aí temos que dar exemplo”, dixo Reigosa, que tamén manifestou a súa esperanza de en anos sucesivos, poder baleirar totalmente a bolsa de persoas acreditadas a cátedra que xa poida ser automática.
O teito de cristal é unha realidade, tamén no ámbito universitario

Poucos actos deixan tan claro coma esta toma de posesión dos novos catedráticos e catedráticas que o teito de cristal é unha realidade, tamén no ámbito universitario. Das 24 persoas que hoxe tomaron posesión só catro son mulleres: Mª Soledad García Fontán, da Área de Química Inorgánica; Ana María Graña, de Química Física; Mª Teresa Pérez Iglesias, de Física Aplicada, e Inés Celia Iglesias Canle, de Dereito Procesual.

“Os obstáculos existen , a realidade é teimuda e a sociedade non nolo pon fácil”. Así de claro resume a situación Iglesias Canle, ao que engade que conciliar supón para as mulleres unha tarefa complexa, pero que é importante “seguir empurrando con ilusión e gañas porque a alternativa non é viable, non podemos dar un paso atrás”. Desde o seu punto de vista, a igualdade é un tema moi serio e por iso hai que “romper estereotipos, rachar coa imaxe de submisión, de dependencia. Somos iguais e libres e a liberdade lévache a facer sacrificios, non é doado, pero pódese conseguir”. Con moitos anos de traballo, sacrificio e tamén renuncias detrás, as novas catedráticas recoñecen que o día de hoxe “é unha alegría e un acto de xustiza”, apunta Iglesias Canle, quen quixo tamén lembrarse das mulleres que marcaron e marcan o seu camiño “as miñas avoas, que foron mestras, a miña nai e a miña filla, que como todas as mulleres seguen comezando un camiño día a dia cara á igualdade efectiva de todas nós”.

No caso de Mª Soledad García Fontán e Ana Mª Graña, ambas levaban xa preto de nove anos acreditadas a catedráticas. Levaron a espera con calma, “entendendo que as circunstancias non se daban e tratando de aproveitar o momento cando por fin se deron”, recoñece Graña. Ao respecto do baixo índice de mulleres que hoxe recolleron as súas acreditacións opinan que “os tempos pasan e as cousas non cambian. Sempre pensamos que estamos a punto e pasa o tempo e non estamos. As nosas nais pensaban que nós chegaríamos e nós pensamos que chegarán as nosas fillas, pero non sei se iso acontecerá”, admitiu Graña. Ambas consideran que, en certa maneira, as novas xeracións aínda o van ter máis difícil, pois cada vez o mundo é máis competitivo, aínda que deixan un lugar para esperanza, “pese a todas as dificultades quero pensar que pouco a pouco imos seguir avanzando”.

Teñen claro que tiveron máis trabas ca os seus compañeiros para avanzar na carreira académica, tanto no sentido persoal, como no profesional, algo que consideran non é necesariamente condicionado polas persoas que as rodean, senón por elas mesmas. “No meu caso, por exemplo, non tiven máis presión para atender ás miñas fillas que o seu pai, pero no fondo creo que o fixen, os condicionamentos sociais lévannos a facernos cargo da familia, aínda que ninguén nos presione somos nós mesmas quen o facemos”, explica Graña. Centrándose no ámbito profesional, Graña admite que demasiadas veces as mulleres non dan pasos cando os seus compañeiros homes os dan, renuncian por compañeirismo e por manter o bo ambiente e iso é algo que hai que cambiar. “Son demasiadas as ocasións nas que renunciamos por manter o equilibrio e eles iso nunca o fan”, insiste García Fontán, quen á hora de aconsellar ás futuras profesionais, xa sexa da Química ou de calquera outro ámbito, teno claro “que pelexen e que non cedan”, ao que Graña engade que deben ser elas mesmas as que se sitúen nun plano de igualdade cos homes, “elas séntense capaces, porque o son, pero deben ter claro que non son as responsables de manter o bo ambiente e a tranquilidade, simplemente son tan responsables como calquera”.

Un estímulo e unha sensación agridoce

Entre os novos catedráticos que hoxe asinaron a súa acreditación está o propio secretario xeral da Universidade de Vigo, Miguel Ángel Michinel, profesor da Área de Dereito Internacional Privado. Desde o seu punto de vista, “sempre é moi positivo que te recoñezan os anos de traballo desenvolvidos ata agora” e días como o de hoxe supoñen tamén “un estímulo para seguir con máis enerxía na investigacion e na docencia”. Admite que no seu caso sempre tivo claro que o seu perfil se axustaba máis ao mundo académico, aínda que é certo que o dereito ten moitas saídas. “Ata que chegas á universidade non sabes o que é o dereito. Estudas física, matemáticas ou historia desde neno, pero o dereito non o coñeces ata que chegas á propia Universidade”, recoñeceu Michinel.

Pola súa banda, o xa catedrático do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal, Adolfo Cordero, aseguraba ter hoxe unha sensación agridoce, “amarga pola lentitude, porque eu fun catedrático no 2003, así que xa pasaron 17 anos, polo que non é de recibo, por así dicilo, pero é o que hai. É unha desas cousas que quedaban pendentes e agora xa está solucionada”. Logo de acadar o nomeamento, Cordero sinala que enfrontará outras metas como tentar estabilizar un grupo pequeno e repartido entre os tres campus. “Iso é o que me gustaría, poder conseguir, non para min senón para outra xente, ese recambio. Ademais, moitas das persoas que están traballando son mulleres, que tiveron máis dificultades, con fillos e demais, así que iso será o que procurarei, o que queda por ver”, explica.




 

 

Publicar un comentario

0 Comentarios

Ad Code

Responsive Advertisement