Faltan pouco máis de dúas semanas para que comece a nova edición do Galician Freaky Film Festival e xa se pode coñecer a sección oficial: 60 curtas chegadas dende todo o mundo das cales 2 estrearanse a nivel internacional no certame, 14 serán estreas en España e 30 proxectaranse por primeira vez en Galicia. Ademais, entre as pezas encóntranse traballos que se puideron ver en festivais tan importantes coma Cannes, Clermont-Ferrand, Locarno, Sundance, Venecia, Toronto ou Berlín
60 curtas chegadas dende todo o mundo
para a edición máis ambiciosa do GFFF
O Galician Freaky Film Festival, que se celebra do 28 ao 31 de outubro, chega cunha sección oficial de 60 curtas.
A sección oficial componse de 16 traballos nacionais e 44 internacionais chegados dende todas as partes do mundo e multipremiados en diversos festivais coma Sundance, Venecia, Berlín, Toronto, Cannes ou Clermont-Ferrand.
Moitas das obras que se proxectarán no Galician Freaky Film Festival serán estrea en España e Galicia e dúas delas farano a nivel internacional.
O Galician Freaky Film Festival volverá un ano máis a Vigo, do 28 ao 31 de outubro, para amosar unha coidada selección de pezas audiovisuais de cinema freak, terror e underground.
Nesta edición, das máis de 400 obras presentadas a concurso, escolléronse 60 curtas para a sección oficial: 16 nacionais e 44 internacionais procedentes de países coma Estados Unidos, Corea do Sur, Xapón, Suecia, Arxentina, Ucraína, Francia, Alemaña ou Polonia.
Ademais, moitas delas poderanse ver en primicia no certame xa que “2 serán estrea internacional, 14 proxectaranse por primeira vez en España e 30 das obras estrearanse en Galicia” afirma Juan de Castro, director do Galician Freaky Film Festival, quen engade que “entre as pezas encóntranse traballos que se puideron ver en festivais tan importantes coma Cannes, Clermont-Ferrand, Locarno, Sundance, Venecia, Toronto ou Berlín”.
Os asistentes poderán gozar de filmes de diferentes xéneros, dende arrepiantes curtas coma Baladas de amor e morte de Iria Ares, que narra unha historia de amor coa morte, a inquietante No podrás volver nunca, de Mónica Mateo ou El Bazar de Luis Fernández- Jardón, onde non todo é o que parece, ata obras onde o mesmísimo Dexter Morgan, o asasino en serie máis famoso da pequena pantalla, tería calafríos vendo Together, de Ryan Oksenber; Fifty, de Javier Dampierre ou The bloodbath, de Emmanuel Hamon e Gilles Leroux.
Coma xa ven sendo habitual, nas xornadas tamén haberá espazo para escachar da risa. Así, todos os que queiran pasar un bo rato non se poden perder a sección Humor Freak, que chega con títulos tan prometedores coma No, I don’t want to dance, da cineasta Andrea Vinciguerra e que aterriza no Galician Freaky Film Festival despois de pasar por Sundance ou a hilarante La silla eléctrica de Joan Martín, onde se narra a peculiar historia de Julio, que pretende facer unha fazaña sen precedentes e non apto para cardíacos.
Por suposto, o Galician Freaky Film Festival garda un oco para a ciencia ficción con obras coma a multipremiada Je l’aime alors je la quitte de Ilan Zerrouki; Onde dormen as gaivotas de Dani Cornes, que nos transporta a un mundo non moi lonxano e a un arquipélago remoto ou R&R (Rêve et Realité) de Tony Chaslas, que inclúe unha boa dose de viaxes no tempo.
En definitiva, este ano o festival volve con máis forza ca nunca e, durante catro días, gozarase do mellor cinema de xénero e freak de Galicia, España e o mundo. A programación completa está na web do evento.
A SECCIÓN OFICIAL DO GALICIAN FREAKY FILM FESTIVAL EN DETALLE
A sección oficial divídese en sete categorías diferentes e, algunhas delas, debido ao elevado número de traballos expostos, terán diversos volumes ao longo das xornadas.
ALIMENTO PARA O MAXÍN
Nesta sección os asistentes poderán desfrutar de historias coma Mascot, de Leeha Kim, un traballo que ven de gañar a Mención Especial no 41º Festival Internacional de Curtametraxes de Clermont-Ferrand e que narra as aventuras e desventuras dun raposo no seu afán por converterse en mascota de cidade ou a animación Kids, de Michael Frei, que explora dun xeito brillante as dinámicas de grupo.
Completan a sección Pipo et l’amour aveugle, de Hugo Le Gourrierec; Why slugs has no legs, de Aline Höchli e Las niñas terribles, de David Orellana.
ARREPÍO
Coma xa é costume, o certame terá unha sección especial para os que desfrutan dos sustos propios do cinema de terror, do thriller e dos sucesos paranormais, nesta ocasión, con títulos coma Baladas de amor e morte, de Iria Ares; No podrás volver nunca, de Mónica Mateo, El Bazar, de Luis Fernández-Jardón; AaMAMÁ, de Miguel Alcalde e Pulsión, de Pedro Casavecchia.
CIENCIA FICCIÓN
Dentro da categoría de ciencia ficción encóntranse obras tan interesantes coma Je l’aime alors je la quitte de Ilan Zerrouki, R&R (Rêve et Realité) de Tony Chaslas, Onde dormen as gaivotas de Dani Cornes, The Lonely Orbit de Frederic Siegel e Benjamin Morard, Limbo Fungos de Alexis Menard e 400 Mph de P. Dannaud, J. Chaix, L. Deserre, A. Lefort, N. Pianeti e Q. Tireloq.
CO CÚ TORCIDO
En Co Cú Torcido poderanse ver 12 abraiantes traballos audiovisuais nos que a sinopse non lle fai xustiza a obra e que deixarán patidifuso a máis de un.
Así, destacan Bad hair de Oskar Lehemaa, no que un home calvo e un tanto inseguro decídese a probar un líquido para facer medrar o pelo... con desastrosas consecuencias ou Chicken of the dead de Julien David, unha historia que amosa a Bernard Lepique, conselleiro delegado dunha empresa especializada na produción de galiñas medio-orgánicas e medio-antibióticas, e a presentación do seu último produto.
O resto das curtas son Pitch Black Panacea de Tom Hardiman, Human nature de Sverre Fredriksen, Matar o rato de Isaac Rivadulla, Sonrisas de Javier Chavanel, Je finirai en prison de Alexandre Dostie, Vieille Peau de Julie Rembauville e Nicolas Bianco-Levrin, Kohannia de Mykyta Lyskov, Lo supero de Ainhoa Menéndez, Raíces de José Yáñez e High dating de Jules Zingg.
HUMOR FREAK
Humor Freak é, sen dúbida, a sección máis ampla do Galician Freaky Film Festival cun total de 18 traballos audiovisuais repartidos en tres bloques diferentes. Ademais de No, I don’t want to dance de Andrea Vinciguerra e La silla eléctrica de Joan Martín, destacan títulos coma Iguales de Irlanda Tambasco Waine no que Carmencita terá unha manicura que de segures non esquecerá xamais ou a polaca Rain de Piotr Milczarek gañadora do premio Jean-Luc Xiberras para opera prima do Annecy 2019 e seleccionada en múltiples festivais (Chicago IFF 2019, Warsaw IFF 2019, Tallin Black Nights FF 2019...).
O resto de curtas son El tratamiento de Álvaro Carmona, Pumpers Paradise de Eddy Hohf, Polter de Álvaro Vicario, First Action Hero de Jan Haluza, Tienminutengesprek de Jamille Van Wijngaarden, One Left de Sebastian Doringer, Maldita de Juanjo Moscardó e Suso Imbernón, Dinosaurs: The true story de Paul-Louis Aeberhard, Bloody Stair de Jeongmu Lee, Hitte de Thessa Meijer, Heatwave de Fokion Xenos, What if??? de Enrique García, La boite de Marie-Pierre Hauwelle e Le syndrome D’Archibald de Daniel Pérez.
QUE CARALLO É ISTO
Cun total de 10 curtas, esta sección divídese en dous volumes.
Deste xeito, no primeiro deles poderanse ver obras coma Sh-t happens de Michaela Mihályiova e David Stumpf chegada directamente desde Sundance, o filme céntrase nos absurdos acontecementos que lle suceden a un conserxe esgotado e a súa muller por mor da desesperación. Ademais, tamén destaca Toomas Beneath the Valley of the wild wolves de Chintis Lundgren, curta que se proxectou na sección oficial de Toronto e que narra a historia de Tomas, que pasa de ser un empregado de oficina perfecto a perder o seu traballo e tentar ocultar que agora é fontaneiro e desatoador.
Xa no segundo volume proxectaranse, entre outras, Slug Life de Sophie Gate, que amosa un día na vida de Tania, unha muller curiosa que desenvolveu un gusto especial polos amantes non humanos. A curta alzouse coa Mención do Xurado na 16º Vienna Independent Shorts e que participou na selección oficial do festival Sundance 2019.
Completan ambos volumes Life24 de Kristjan Holm, Operation: Rambu! de Steve Austin, Farce de Robin Jensen, To be bone de Sébastien Betbeder, Two bodies on a beach de Anna Paavilainen, Unkoman de Hikaru Tsukuda e Mega sexy robot dinosaur de Paul Howard Allen.
ESPECIAL SERIAL KILLER
Coma novidade este ano, o Galician Freaky Film Festival inclúe una sección onde os asasinos en serie toman o protagonismo, homenaxeando deste xeito ao Resplandor e a Jack Torrance.
Deste xeito, poderanse ver as curtas Together, de Ryan Oksenber, que narra a historia dunha limpadora de reparación de riscos biolóxicos, quen considera ameazada a integridade do seu negocio despois de contratar a un técnico con insaciable apetito polo seu traballo; The Bloodbath obra de Emmanuel Hamon e Gilles Leroux, unha das estreas internacionais desta nova edición do festival e que conta coma unha banda de metal gótico, o director e un motorista son presa dun asasino psicópata no bosque.
Ademais, tamén se proxectarán Fifty de Javier Dampierre e Cassandra de David Tolchinsky.