O Museo de Pontevedra celebrou este mércores o seu primeiro acto de conmemoración do centenario da Revista ‘Nós’ cunha mesa redonda na que se definiu a publicación como a “embaixadora” da cultura galega “con máis resonancia a nivel mundial” na historia.
PONTEVEDRA .- O evento contou coa participación da deputada de Lingua María Ortega, quen asegurou que a revista “chegou a poñer Galiza no mapa soñando unha galeguidade universal”. “Otero Pedrayo, Risco, Cuevillas, Losada Diéguez, Castelao… tiñan interese pola vangarda, por unha expansión cordial cara a Portugal. Puxeron en marcha a publicación cultural que ata o de agora máis resonancia universal tivo para a cultura galega. O seu legado é fundamental e hoxe hai que volver reflexionar sobre a identidade galega poñendo en valor o noso nun contexto global”, dixo.
O faladoiro puxo sobre a mesa a importancia da revista dende diferentes puntos de vista, para o que contou coa presenza de figuras destacadas dentro do mundo do deseño, a historia e a literatura na Galicia.
O historiador Miguel Anxo Seixas Seoane, autor do libro ‘Castelao, construtor da nacion’, do que acaba de saír o segundo tomo, foi outro dos relatores que completou o faladoiro. Puxo de manifesto a relación da revista Nós con Pontevedra, xa que en xuño de 1920 reuníanse na cidade do Lérez Vicente Risco, Castelao, Ramón Cabanillas e Antón Losada Diéguez, rematando coa idea de crear unha publicación que fixera un uso elevado da lingua galega e a achegara á alta cultura. “’Nós’ foi embaixadora da cultura galega en galego, foi feita para ter presenza no mundo, e con ela a cultura galega empezou a dialogar coa cultura europea”, subliñou.
Seixas destacou que a revista, aniquilada coa guerra civil, permitiu un intercambio cultural a grande escala. “Era o faladoiro no que a xente se atopaba na ausencia, non atopándose físicamente. Supuxo un avance por sacar as palabras das boticas e das tertulias e métela na comunicación, nos papeis, que tiñan lectores de aquí e de América. Era como se as ideas voasen no papel, e polo tanto forma parte da democraticazaión e expansión da cultura. ‘Nós’ supuxo un grande avance para posicionar a cultura galega”, finalizou.
A profesora Patricia Arias Chachero foi unha das responsables de abordar a parte literaria de ‘Nós’. Sinalou que foi un proxecto que abrangueu a máis de 200 autores aos que se suman os que non asinaban o seu traballo nas seccións ‘Arquivo Etnolóxico’ e ‘Os homes e as verbas’. Entre as características máis destacadas fixo fincapé no seu “cosmopolitismo” a pesares de ter medios moi escasos, mencionando como curiosidade que Risco mantiña correspondencia cun poeta armenio refuxiado en Italia. Por outra banda, tamén sinalou o feito de que non se traducisen ao galego textos escritos en linguas cercanas como portugués, pola vontade de aproximarse ao país veciño.
Arias subliñou que “chámame moito a atención a presenza das mulleres”, xa que nos 144 números e seis anos de vida ‘Nós’ só contou con oito autoras, cinco delas no mesmo número (estudantes de Risco que publican na sección do Arquivo Etnográfico e Filolóxico de Galicia), Francisca Herrera (con tres textos), a irmá dun alcalde irlandés que morreu nunha folga de fame, e Margot Sponer, a filóloga alemá que acabou facendo a súa tese sobre a lingua galega. “Esa pluralidade que se anunciaba nas primeiras verbas e que efectivamente era tal en canto a idade, en canto a ideoloxía e tipo de literatura, no caso das mulleres tiña unha pegada moi pequena”.
Pola súa parte, o doutor en filoloxía e profesor Emilio Xosé Insua, autor entre outros do libro ‘A nosa Terra é Nosa! A xeira das Irmandades da fala (1916-1931)’ sobre a xeración de 1916, falou da repercusión e o diálogo coas literaturas da contorna e como foi importante tamén para outras áreas de cultura galega. Ínsua subliñou o feito de que en ‘Nós’ se traducisen textos emblemáticos da literatura europea ao galego como o Ulises de James Joyce que traduce Otero Pedrayo, ou que se daba ‘cancha’ a poetas novos , sendo unha revista decisiva para consolidar algunhas tendencias da nova poesía galega (Bouza Brey, Carvalho Calero, Calderón, Augusto Casas…) que utiliza a publicación de plataforma para difundir o relevo a poesía de Cabanillas ou Noriega Varela.
Así mesmo, Ínsua salientou a contribución da revista ao teatro, publicando e comentando pezas e unha faceta interesante coa prosa, xa que moitos narradores adiantaban anacos das súas obras, como é o caso de Castelao con Cousas, Otero Pedrayo con algúns relatos, ou o propio Risco, que chegou a publicar algúns capítulos dunha novela que non se chegou a publicar, ‘Europeos en Abrantes’.
Xosé Barro, encargado de falar da revista ‘Nós’ dende o punto de vista do deseño, definiuna como un “artefacto simbólico” e destacou que inicialmente a publicación parece inicialmente moi “modesta” pero non o é. Barro disertou sobre a capa máis coñecida da revista, a que chegou ao final dos seus días, da que explicou ten unha estrutura que procede dos libros con ‘portada retablo’, utilizada durante os séculos XVI, XVII, XVIII en semellanza aos retablos das igrexas, onde nos distintos andares os autores pintaban os personaxes, deixaban oco para poñer o título e poñían o escudo da orde relixiosa ou do monarca do que se trataba.
Segundo Barro, o que acontece en ‘Nós’ é que Castelao agocha toda a carpintería barroca cun manto ‘vexetal’ que procede do repertorio gráfico do modernismo, grande influencia gráfica nese momento co ilustrador británico Aubrey Beadley como referencia. “O contraste entre brancos e negros que imitan o antigo gravado, ese branco e negro ponderado que engancha ao ollo, procede do modernismo inglés e dos prerrafaelistas, dos que tamén vén o gusto polo simbolismo, de aí que todas as ilustracións de Castelao para a revista teñan un interés simbólico e narren un relato, sendo logo publicadas e copiadas, deixando un grande peso na cultura galega”, indicou.
Ademais desta mesa redonda, a Deputación realizará mañá unha proposta cultural que inclúe unha representación teatral e un coloquio a modo de “viaxe no tempo” nos que as mulleres terán un papel clave. Os actos previstos para a conmemoración continuarán ata o vindeiro ano, cando o Museo acollerá a exposición ‘Galicia de Nós a nós’, aberta agora na Cidade da Cultura.