Responsive Ad Slot

Latest

latest

Acuerdo Deputación-CSIC para mejorar el Laboratorio Aqueológico de Pazo Liñares


O proxecto afondará na cultura castrexa concentrando a investigación nas contornas e interior dos castros de Bendoiro (Lalín), Castrolandín (Cuntis) e Montaz (Silleda)


Carmela Silva reivindicou a necesidade de “recuperar o público porque se as administracións non estivesen comprometidas co patrimonio teríamos perdido moito”


A vicepresidenta de Relacións Institucionais do CSIC puxo en valor a suma de esforzos que está a permitir que “en seis meses tiñamos avanzado coa Deputación en campos como a biodiversidade ou agora coa protección dos bens arqueolóxicos”


PONTEVEDRA . - “A posta en valor dos recursos do patrimonio ligados á arqueoloxía é un eixo prioritario para nós” asegurou a presidenta da Deputación na presentación do novo proxecto para a posta en valor do Centro de Xestión do Coñecemento Arqueolóxico do Pazo de Liñares, en Lalín, que estará liderado polo CSIC a través do INCIPIT (Instituto de Ciencias do Patrimonio). Deste xeito, Carmela Silva, acompañada telematicamente da vicepresidenta de Organización e Relacións Institucionais do CSIC Rosina López; dos alcaldes de Lalín e Cuntis, José Crespo e Manuel Campos; da concelleira de Cultura de Silleda, Mónica González; e no Pazo provincial do delegado do CSIC en Galicia Antonio de Ron e do director do INCIPIT Felipe Criado, deu a coñecer as principais liñas “mestras” deste convenio que vai afondar na cultura castrexa no primeiro milenio Antes da Nosa Era (ANE), concentrando a investigación nas contornas e no interior dos castros de Bendoiro (Lalín), Castrolandín (Cuntis) e Montaz (Silleda), e converter ao Pazo de Liñares “nunha referencia”.


En concreto, a presidenta explicou que o convenio entre co CSIC, a través do cal a Deputación vai achegar 55.000 euros, vaise centrar na prospección e escavacións de sondaxes en Bendoiro (Lalín), Castrolandín (Cuntis) e Montaz (Silleda), realizando un estudo arqueometalúrxico de materiais, elaborando un Plan Director e impulsando actividades de comunicación, formación e difusión. A vixencia deste primeiro acordo, tal e como detallou Silva, é dun máximo de 8 meses, durante os cales “vaise realizar un Plan Director que contemplará os criterios e procedementos para planificar as actuacións prioritarias que imos executar dende a Deputación no marco desta colaboración nas próximas anualidades”. Xunto a esta actuación, o convenio inclúe unha caracterización detallada da morfoloxía dos tres castros e da súa contorna, unha prospección superficial e xeofísica do interior e contorna dos lugares, documentación e produción de modelos 3D, estudo piloto da metalurxia recuperada nas escavacións realizadas nos últimos anos pola Deputación de Pontevedra, actividades científicas, formativas e divulgativas, así como un estudo arqueometalúrxico de materiais recuperados en Bendoiro e sondaxes valorativas en Castrolandín (Cuntis).


O acordo, que xurdiu nunha reunión mantida entre a presidenta da Deputación e a do CSIC, está vertebrado arredor do patrimonio arqueolóxico. “O noso patrimonio –asegurou Carmela Silva- ten que ser conservado porque forma parte do que somos, do que fomos e do que queremos ser e porque tamén ten un enorme valor para o turismo sostible. Todos os estudos falan de que o novo turismo pasa por este tipo de oferta e nos cremos profundamente nela, moito máis agora que esta pandemia pon diante dos nosos ollos un cambio de paradigma centrado na sustentabilidade e nunha oferta turística diferenciada”.  Neste eido a presidenta subliñou o “valor arqueolóxico indubidable” do patrimonio da provincia, “un dos máis potentes do Estado”, e destacou a importancia do Centro de Xestión do Coñecemento Arqueolóxico de Liñares, cun laboratorio tan “potente” que “soamente podía ser o CSIC o que se involucrara a través deste proxecto”. Tamén aproveitou para reivindicar a necesidade de “recuperar o público porque se as administracións non estivesen comprometidas coa recuperación e investigación do patrimonio hoxe teríamos perdido moito”.


Pola súa banda, a vicepresidenta de Relacións Institucionais do CSIC, Rosina López puxo en valor a suma de esforzos interinstitucionais que está a permitir que “en seis meses temos avanzado en diferentes campos, desde a biodiversidade ata este que ten que ver coa protección dos bens arqueolóxicos da provincia”. López  agradeceu “a confianza da Deputación no CSIC” e amosou a “disposición a seguir traballando”, algo no que tamén incidiu o delegado en Galicia, Antonio de Ron. No que respecta aos traballos en si a desenvolver, o director do INCIPIT Felipe Criado subliñou o “pracer que supón para o CSIC contribuír a reforzar una liña de acción pioneira que hai anos comezou a desenvolver a Deputación, cunha investigación a carón dos concellos para contribuír ao desenvolvemento dun turismo sostible, alleo á masificación, e centrado no patrimonio castrexo”.


Os alcaldes de Lalín e Cuntis e a concelleira de Cultura de Silleda mostraron o seu agradecemento pola posta en valor dos xacementos dos seus concellos, ao igual que o feito de dispor de “boas noticias nestes momentos complicados”. José Crespo, alcalde de Lalín, agradeceu á presidenta o compromiso con Liñares: “vostede dixo fai un ano que estaba traballando co CSIC para poñer en valor o Pazo e hoxe xa é unha realidade”. Desde Cuntis, o alcalde Manuel Campos incidiu na importancia que ten a arqueoloxía dende o punto de vista turístico e, a concelleira de Cultura de Silleda remarcou a “riqueza arqueolóxica desta zona”, na que tamén se sitúa o castro de Toiriz, no que xa está a actuar a Deputación de Pontevedra.




Don't Miss
© all rights reserved
made with by templateszoo