sábado

A Área Sanitaria de Ferrol rexistrou un total de 27 casos novos de Tuberculose, no 2019

FERROL .- A Área Sanitaria de Ferrol rexistrou un total de 27 casos novos de Tuberculose, no pasado ano 2019. Son un 5,3% do total dos casos galegos. A Área Sanitaria de Ferrol ten a incidencia (número de casos novos de enfermidade por 100.000 habitantes) máis baixa de Galicia cun 14,3%, un 7,9% menos que no ano 2015. Así se reflicte no Informe da tuberculose en Galicia no ano 2019 e evolución no período 1996-2019, do que se informaba esta semana en Consello da Xunta. Este documento reflicte os datos recollidos no primeiro Programa galego de prevención e control da tuberculose da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, que se activaba no ano 1996, e o descenso que implicou en Galicia dende a súa activación.

Neste mesmo informe, valoran tamén as novas liñas de actuación e novos obxectivos a cumprir, ademais de continuar coa vixilancia, tales como a avaliación social de todos os pacientes, mellorar o diagnóstico microbiolóxico ou potenciar os estudos de contactos e de infección tuberculosa, entre outros. De feito, o actual Programa galego de prevención e control da tuberculose, que abarca o período 2017-2020, pretende conseguir unha diminución da incidencia da tuberculose do 25% respecto á do ano 2015, que é o camiño para ser considerados unha comunidade con baixa incidencia de tuberculose.
Datos en Galicia

Dende a posta en marcha do primeiro Programa galego de prevención e control da tuberculose, no ano 1996, a incidencia da tuberculose na comunidade descendeu de forma progresiva e constante, xa que, entre 1996 e 2019, a diminución por termo medio anual foi do 5,7%, pasando de 1.963 casos novos en 1996, a 507 en 2019, o que supón un descenso do 74,2%. O 59,8% dos casos presentáronse en homes; e por grupo de idade, a incidencia máis alta foi nos maiores de 74 anos. O principal factor de risco asociado foi o tabaquismo (26,6% dos casos).
Tal e como recolle o informe, “os bos resultados acadados reflicten un programa ben estruturado, cun sistema epidemiolóxico de vixilancia específico para a tuberculose e o traballo, esforzo e coordinación dos profesionais da sanidade galega, en especial dos equipos das sete unidades de tuberculose (UTB) de Galicia, dos microbiólogos e do Laboratorio de referencia de micobacterias de Galicia”.
Neste senso, lembrar que xa no ano 1991, previo á creación do programa galego, ponse en marcha na Área Sanitaria de Ferrol un seguimento monográfico desta enfermidade da man da Unidade de Infecciosas do Complexo, que desenvolve un programa de prevención e control e leva aspectos clínicos. A isto súmase o labor da Unidade de Tuberculose, que se ocupa do control e seguimento dos casos, da prevención, e dos estudos de contacto, no marco da estratexia de control do Programa Galego de Prevención e Control da Tuberculose, dende o ano 1996.

A tuberculose, problema de saúde pública
A  tuberculose é unha enfermidade causada polo Mycobacterium tuberculosis, bacilo que se propaga dunha persoa a outra a través do aire. A tuberculose xeralmente afecta ós pulmóns, pero tamén pode atacar outras partes do corpo, como os ganglios linfáticos, o cerebro, os riles, a columna vertebral, etc. Cando unha persoa con enfermidade tuberculosa contaxiosa tuse ou esbirra, expulsa ó aire núcleos de gotas pequenas que conteñen o Mycobacterium tuberculosis. Se outra persoa inhala o aire que transporta estes núcleos de gotas pequenas, pode adquirir a infección. Non obstante, non todas as persoas infectadas polos bacilos da tuberculose enferman. Deste xeito, fálase de dous pasos sucesivos dentro do mesmo proceso: a infección tuberculosa e a enfermidade tuberculosa.
A tuberculose é un problema de saúde pública, non só un problema individual, dado que se trata dunha enfermidade contaxiosa por vía aérea e un enfermo sen tratar implica risco de transmisión da tuberculose ó resto da comunidade, polo que, se se consegue realizar o diagnóstico o máis rápido posible, e se poñen a tódolos enfermos baixo tratamento reducirase este risco. Ó mesmo tempo, se se estudan a tódalas persoas que estiveron en contacto cun caso de tuberculose contaxiosa e se tratan a aqueles que están infectados, evitarase que estes desenvolvan a enfermidade nun futuro.

Para o informe presentado, realizouse unha análise descritiva a partir dos datos de casos e contactos obtidos do Rexistro Galego de Tuberculose (SITUB). O sistema de vixilancia da TB vén definido na Orde do 4 de decembro de 1998 pola que se regula o sistema específico de vixilancia da tuberculose en Galicia. Os datos son rexistrados nas unidades de tuberculose (UTB), e nalgúns servizos de medicina preventiva e saúde laboral da comunidade, e proceden das declaracións pasivas de casos e da busca activa de posibles casos non declarados.