Exposiciones. El universo de Xaime Quessada ya luce en el Museo de Pontevedra
O Museo de Pontevedra abriu no día de hoxe a última das grandes exposicións temporais de este ano,‘O Universo de Xaime Quessada’, que se poderá visitar ata o próximo 10 de xaneiro de 2021, e que estará acompañada de diferentes accións para dar a coñecer a relevancia do artista con visitas guiadas, obradoiros e faladoiros ou espazos de debate durante os vindeiros meses.
O director do Museo de Pontevedra Xosé Manuel Rey puxo de manifesto os meses de intenso traballo -loitando contra as dificultades derivadas da actual situación de crise sanitaria- que permitiron inaugurar a mostra no día de hoxe. Agradeceu todas as facilidades achegadas pola compañeira vital de Quessada María Jesús Blanco, á Fundación Xaime Quesada Blanco e tamén a todas as institucións que colaboran cedendo obra.
Nomeou o Museo Nacional e Centro de Arte Reina Sofía, Museo de Belas Artes de A Coruña, Museo Municipal de Ourense, Museo Municipal Quiñones de León de Vigo, Centro Galego de Arte Contemporáneo de Santiago, coleccións Abanca de A Coruña e Afundación de Vigo, Parlamento de Galicia e Universidade de Santiago de Compostela e, finalmente, destacou a súa gratitude a Pilar Corredoira, comisaria da exposición, “por compartir con nós a súa experiencia e bo facer”.
Rey subliñou que ‘O universo de Xaime Quessada’ é unha retrospectiva do artista ourensán, ao que rende unha homenaxe “cun atraínte e suxestivo percorrido, que atravesa a intensa actividade creativa desenvolta durante cinco décadas de prolífico traballo”. Fixo fincapé en que “é difícil entender a arte da segunda metade do século XX e comezos do XXI en Galicia sen considerar a obra de Quessada”, xa que a súa produción artística ‘toca’ os diferentes movementos artísticos.
A exposición, lembrou o director, estará acompaña dun catálogo que quedará como un ben tanxible unha vez que a exposición se clausure, “cun deseño coidado e elegante é unha mostra do esforzo de renovación da imaxe e a identidade corporativa na que estamos inmersos na actualidade”.
Pola súa banda, a comisaria Pilar Corredoira destacou que a exposición contén as pezas máis significativas da traxectoria de Quessada, “deixando claro cales eran os seus intereses estéticos, ideolóxicos e humanos”. Quixo facer fincapé a comisaria na loita e posicionamento do autor contra a ditadura franquista –chegando a ser incluso xulgado polo Tribunal de Orde Público por inxurias ao ditador, segundo se recolle no libro Galicia en transición-, e a súa militancia no PCE e na UPG.
Subliñou tamén a súa paixón pola terra, Galiza, e a importancia do seu pais na súa concepción vital, así como a sensibilidade coa que tratou e interiorizou grandes conflitos internacionais ao tempo que facía gala dunha grande capacidade creativa que o mergullou en todas as tendencias do seu tempo.
Na rolda de prensa de hoxe participou tamén o vicepresidente da Fundación Xaime Quesada Blanco, José Gómez Alén, quen agradeceu a atención e interese prestada polo Museo de Pontevedra e o seu director e tamén manifestou a importancia de “cumprir coas expectativas” para o público dunha exposición como a que hoxe abriu.
Finalmente, a cuñada de Quessada, Josefa Blanco, desculpou a ausencia da viúva do artista, Mº Jesús Blanco, por problemas de saúde, asegurando no seu lugar a súa gratitude polo “entusiasmo” á hora de levar á practica a mostra.