Este sábado : Gala de Clausura do 13º Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu

As curtas do alumnado e o Encontro con Melania Cruz darán paso á Gala de Clausura do FICBUEU

Autoridades e cineastas galegos participarán mañá na cerimonia de entrega de premios, onde a presenza internacional será virtual 


Diversos profesionais galegos asistirán este sábado á Gala de Clausura do 13º Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu, mentres que aos convidados internacionais verémolos en vídeo. A actriz Melania Cruz, que recollerá o Premio Cinema Galego, a produtora Chelo Loureiro e directores como Noemi Chantada ou Dani Cornes mesturaranse co público na cerimonia de entrega de premios, que se desenvolve a partir das 21.30 horas no Centro Social do Mar. No entanto, a axenda continúa este venres e sábado.


Na tarde do venres culminan os pases da Sección Internacional, despois de que pola mañá se proxectara a nova Sección Escolas Internacionais. As actividades destinadas a público familiar seguen este sábado ás 11 horas coa Gala Escolas Galegas, onde se entregarán os premios e se verán as obras gañadoras das tres categorías nas que se subdivide este apartado: educación especial, infantil e primaria; educación secundaria, e  mais facultades e escolas de imaxe. De seguido, ás 12.30 horas, desenvolverase a proposta ‘Cinema e música con Baster Keaton’, na que a pianista Olga Brañas musicalizará en directo o filme O moderno Sherlock Holmes. 

Para ambas as dúas actividades se ha de retirar o sábado un convite de balde no despacho de billetes, ao igual que para o Encontro con Melania Cruz que terá lugar ás 19.30 horas na sala multiusos do propio Centro Social do Mar. Previamente, levarase a cabo as derradeiras proxeccións do FICBUEU 2020, correspondentes á tan demandada Sección Comedia, para a que xa hai días que se esgotaron as localidades. Ás 21 horas, a música de Street Band comezará a soar nos exteriores do auditorio anunciando a recta final do festival.


Ás 21.30 horas do sábado arrinca a Gala de Clausura, na que se entregarán os galardóns ás obras premiadas e volverán proxectarse os filmes gañadores da Ánfora de Ouro e o Premio do Público. Ademais de cineastas galegos autores das curtas, membros do xurado ou colaboradores do certame, no acto participarán autoridades do Concello de Bueu, Deputación de Pontevedra e Xunta de Galicia, principais institucións financiadoras. Acudirán así mesmo representantes de varias empresas patrocinadoras, como Gadis, R, Nodosa e diversos establecementos e entidades do Morrazo, cuxo apoio é fundamental. Todas e todos desfilarán ante o tapiz de flores elaborado pola Asociación Cultural Alfombras de Corpus de Bueu.

A cerimonia, que estará conducida polo actor César Aldea acompañado por Severiano Casalderrey ao piano, poderá seguirse en streaming e comentarse a través das redes sociais. Pero antes de que chegue o seu gran momento, as e os cineastas están a coñecer a riqueza cultural, natural e gastronómica da nosa zona. Se a pasada fin de semana percorreron Cabo Udra coa colaboración de Estela Arqueoloxía e Patrimonio, visitaron o Museo Massó e pasearon nas embarcacións tradicionais de Os Galos, mañá viaxarán á Illa de Ons con Nabia e gozarán da cea ofrecida por Galicia Calidade, igual que anteriormente fixo PescadeRías.