Responsive Ad Slot

Latest

latest

Apoyo de palabra de Deputación al "XV Encontro Internacional de Embarcacións Tradicionais"

A Deputación de Pontevedra vén de comprometer o seu apoio á organización do XV Encontro Internacional de Embarcacións Tradicionais que se celebrará en Moaña do 5 ao 8 de agosto do vindeiro 2021. Así o confirmou a deputada de Patrimonio María Ortega, quen destacou que a institución provincial implicarase dende diferentes departamentos no desenvolvemento desta xornada cunha subvención económica directa –aínda por determinar- e tamén con apoio á loxística das actividades.

Ortega salientou que Moaña convertirase na ‘capital europea da cultura marítima’, xa que o encontro mobilizará arredor de 600 persoas mariñeiras, unhas 150 embarcacións e unha afluencia de milleiros de persoas durante os catro días que durará. “Trátase dun evento marabilloso que vai beneficiar ao Morrazo, a toda a ría de Vigo e á comarca de Pontevedra, a onde chegarán delegacións de Portugal, Euskadi, Cataluña, Andalucía, Bretaña ou Croacia. Vaise poñer en valor o patrimonio máis rico de toda a Península Ibérica vencellado ao mar e que tanto caracteriza ao noso país , e por tanto será unha actividade de dinamización social e de lecer que tamén reactivará a economía –hostalería e restauración sobre todo- e potenciará un turismo sustentable”, afirmou. 

Neste sentido, subliñou que o turismo asociado ao patrimonio está a medrar a un ritmo moi superior ao tradicional de sol e praia, sobre todo nestes momentos de COVID-19, cun público máis interesado no consumo de experiencias e produtos específicos sobre os que existen posibilidades moi interesantes –e que desde o departamento de Turismo Rías Baixas da Deputación xa se están a potenciar-. 

Ortega realizou estas valoracións nun encontro con representantes da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial, no que se comprometeu a que a Deputación traballará ao lado de Culturmar, do Concello de Moaña, da Asociación Sueste e a Confraría de pescadores para que o XV Encontro “sexa todo un éxito”, pero tamén fixo un chamamento de implicación á poboación, xa que o voluntariado será un eixo fundamental. 

O Encontro, de periodicidade bienal e carácter itinerante por distintos portos de Galicia (na provincia xa pasou por O Grove, Combarro, A Illa, Cambados, Carril e A Guarda), é a exhibición deste tipo máis importante, e reúne embarcacións de todo o país e tamén foráneas, de lugares como Portugal, País Vasco, ou comunidades do Mediterráneo. 

A actividade central será a concentración, exhibición e navegación das embarcacións tradicionais, mais as catro xornadas do Encontro compleméntanse con outro tipo de actos culturais e de lecer, como xornadas de conferencias, coloquios, exposicións, publicacións, música e danza tradicional, ou mostras de artesanía. Estas actividades complementarias tamén contemplan talleres infantís, con elementos lúdicos vencellados ao mar; e obradoiros inclusivos, concibidos especificamente para persoas con discapacidade física, sensorial ou intelectual.

Segundo a federación organizadora, a organización do Encontro ten por obxecto principal poñer de manifesto a riqueza do patrimonio marítimo e fluvial galego e a necesidade de conservalo; así como mostrar o traballo no campo da recuperación do patrimonio feito polas asociacións. Tamén queren incidir nun aspecto que non sempre é percibido en relación ao traballo que desenvolven respecto do Patrimonio Marítimo Galego en xeral e dos Encontros de Embarcacións Tradicionais en particular, como é a dinamización das comunidades mariñeiras.

A través destes encontros,  Culturmar pretende poñer en valor sectores como a carpintería de ribeira, velaría, os efectos navais, artesáns, e protexer, conservar e divulgar o Patrimonio Marítimo Galego. Tamén tenta potenciar e estimular os atractivos turísticos das comunidades da costa axudando a un turismo sostible.




Don't Miss
© all rights reserved
made with by templateszoo