O concelleiro nacionalista Xosé Manuel Méndez, calificou como "un auténtico despropósito a posta en marcha deste comezo de curso por parte da Xunta de Galicia". Na súa intervención diante do pleno manifestou que "a Xunta tivo 6 meses para planificar o comezo do curso. Non escoitaron as ANPAS, nin aos representantes do profesorado. Presentaron un protocolo 6 días antes de comezar o curso que prima os criterios económicos por riba da calidade educativa e as garantías sanitarias. Non se respectan os criterios estabelecidos para o resto da poboación, como poden ser as regras de distanciamento persoal. Non se recollen medidas específicas para o alumnado con necesidades educativas especiais. Outro tanto ocorre cos comedores escolares.Tampouco se adopta ningunha medida que solucione os graves problemas que se manifestaron durante o confinamento á hora de impartir aulas de maneira telemática, como a fenda dixital, a formación do profesorado e alumnado”.
A proposta nacionalista aprobada polo pleno municipal tamén reclama da Xunta que se faga cargo dos traballos de desinfección e limpeza dos centros de primaria "tal e como recolle o protocolo e que son competencia do goberno galego".