Ad Code

Ad Code

O PP sinalizará as zonas de Poio abandonadas "polos Tres Alcaldes"

O grupo municipal popular presentan un panel informativo que identificará os lugares onde o goberno local non solucione a falta de servizos básicos ou ignore as demandas dos veciños de forma reiterada.

Ángel Moldes destaca que xa hai varios lugares candidatos para albergar a iniciativa e pon esta nova ferramenta a disposición dos veciños que sintan que a súa veciñanza está abandonada.

O PP seguirá sendo “o partido que máis traballa pola veciñanza, que visita cada lugar e cada parroquia e traslada as demandas dos veciños ao concello fronte a un Tripartito que non soluciona os problemas reais de Poio pese a ser o goberno máis caro da historia".


O voceiro do PP, Ángel Moldes, acompañado de todos os componentes o grupo municipal popular, presentou este mércores unha iniciativa para identificar e sinalar as zonas de Poio abandonadas polos Tres Alcaldes.
A ferramenta consistirá dun panel vertical e outros elementos coa lenda “Perigo. Zona Abandonada polos Tres Alcaldes” que se desplegarán en lugares do municipio onde o Tripartito formado por BNG, PSOE e Avante Poio non solucione a falta de servizos básicos ou nos que ignoren as demandas dos veciños de forma reiterada.

Moldes resaltou que a colocación destes sinais “non vai ser algo improvisado nin indiscriminado”, senón que as zonas determínanse mediante “unha análise de todo o grupo e seguindo un protocolo”.

Para identificar un lugar como “zona abandonada”, debe ser un área na que os veciños directamente ou o PP, nos órganos municipais, solicitasen ao concello unha solución para un problema coñecido e o goberno local siga sen dar resposta despois dun tempo prudencial. Pasado ese tempo, o PP sinalizará estas zonas e fará un chamamento público para que se dea resposta ao problema correspondente.

“Esta é unha medida cando se esgotan os cauces institucionais e os 3 Alcaldes seguen sen facer caso”, resaltou Moldes, subliñando que “o que buscan estes paneis é amosar o malestar dos veciños e poñer o foco sobre os problemas e os lugares esquecidos polo Tripartito”.

Moldes insistiu en que “a nosa principal preocupación é mellorar a vida dos nosos veciños e axudarlles a resolver problemas”, e confía que con estes paneis sexa posible obrigar ao goberno local a traballar “aínda que sexa por vergonza”.

O popular explicou que xa hai varios lugares identificados para levar esta iniciativa: “En primeiro lugar, numerosas zonas de Poio con problemas crónicos e falta de servizos básicos como auga, saneamento ou depuración, pero tamén lugares onde os veciños pediron repetidamente que o Concello solucionase un problema ou corrixise unha mala actuación, o PP trasladouno a comisións ou plenos, presentáronse escritos, solicitudes... e pasan os meses ou mesmo os anos e seguimos agardando”.

“Non é difícil identificar problemas sen resolver ou zonas abandonadas polos 3 Alcaldes porque cada vez hai máis”, explicou Moldes, que recordou que o PP traslada cada cada mes decenas de queixas e demandas por parte dos veciños de todas partes do municipio mediante rogos, preguntas e mocións: “Visitamos todas as parroquias e todos os lugares onde nos piden ou que nós identificamos”.

Moldes dixo que o PP é o único partido que patea os camiños e escoita á veciñanza fronte a un Tripartito desconectado da cidadanía e que só traballa a raíz do que traslada o PP ou a base de ocurrencias ou do que se publica nas redes sociais.

O voceiro popular lamentou que pese a ser “o goberno máis caro da historia de Poio”, con máis soldos, dedicacións exclusivas, asesores e servizos privatizados que nunca, os 3 Alcaldes tamén son os que menos fan pola veciñanza, e puxo como exemplo peticións veciñais por escrito que pasan meses sen responderse: «Cando os veciños de Poio teñen un problema acoden a nós, porque confían en nós e tamén porque saben que nos 3 Alcaldes non se pode confiar».

Finalmente Moldes quixo facer un chamamento a toda a veciñanza: “Calquera colectivo ou calquera veciño que sintan que a súa veciñanza está abandonada e que despois de presentar solicitudes, escritos ou acudir personalmente ao goberno entendan que non se escoitou a súa petición, “nos desprazaríamos, analizaríamos a situación e colocaríamos esta sinalización”.

Moldes recordou que “como grupo sempre tentamos buscar accións creativas e, sobre todo, respectuosas” co único fin de “dar resposta aos problemas reais da veciñanza de Poio” e destacou que esta iniciativa está a disposición dos veciños como unha ferramenta máis para seguir sendo a voz da veciñanza e contribuíndo a solucionar os seus problemas.