O Festival SonRías Baixas celebrará a súa 18ª edición -que estaba prevista para esta semana- os días 5, 6 e 7 de agosto de 2021
O MicroSonRías Baixas pechou onte pola noite en Bueu tres días e dúas noites de experiencias musicais, naturais e gastronómicas colgando o cartel de Sold Out e demostrando que a cultura é segura, tamén, en época de pandemia. O público respondeu con entusiasmo e respecto polas normas á proposta de pequeno formato ideada pola organización do Festival SonRías Baixas para encher o oco creado na vida cultural da vila e mais no calendario de festivais de Galicia polo adiamento da 18ª edición do festival aos días 5, 6 e 7 de agosto de 2021.
Os convites para as actividades do Destino SonRías, en lugares singulares da localidade, esgotáronse en poucos minutos a mesma mañá do seu lanzamento. Un público composto en grande medida por veciñas e veciños de Bueu, pero tamén por xente do resto de Galicia coñeceu de primeira man a natureza, o patrimonio e a gastronomía das Rías Baixas, explorando os muíños do Río Bispo, a parroquia de Santa María de Cela e a Illa de Ons, saboreando o Polbo das Rías, o Mexillón de Galicia, o Pan Galego e o viño Tinta Femia e escoitando os microconcertos de Mounqup, Rayden e Arco en recunchos inesperados.
Colgaron, tamén, o cartel de Sold Out, os concertos "desenchufados pero amplificados" programados pola organizacións as noites do venres e do sábado nun Recinto da Estacada adaptado ás circunstancias da "Nova Normalidade". O público gozou cos concertos acústicos deseñados para a ocasión por Arco e Rayden, respectando en todo momento as indicacións da organización, que quere destacar o compromiso do sector cultural e do seu público cos protocolos impostos polas autoridades sanitarias.
A organización dispuxo 800 cadeiras no mesmo espazo que en edicións anteriores concregara simultaneamente entre 7000 e 8000 persoas, o que permitiu que o público puidera gozar da experiencia en pequenos grupos de ata 5 persoas mantendo en todo momento o uso da máscara e a distancia de seguridade entre os grupos. A colaboración do público, tanto nos accesos ao recinto como na súa evacuación foi exemplar, destacan os organizadores. Tamén o foi o seu respecto polos fluxos deseñados pola organización para evitar as aglomeracións e os cruces entre as persoas, á hora de achegarse á barra ou aos baños. Dende Play Plan, a produtora responsable da organización do evento, destacan tanto a capacidade do sector para adaptarse ás novas circunstancias como o cariño e o entusiasmo do público, que non só ofreceu a súa confianza acudindo e respectando en todo momento as indicacións de seguridade, senón que o fixo de bo grao, bailou aínda estando sentado e que coreou as cancións dende os seus asentos.
O SonRías Baixas congregou o pasado mes de agosto en Bueu a 22.065 persoas, xerando na comarca un impacto superior ao millón de euros. "Aínda que este verán non puidemos achegar esa riqueza económica e cultural á nosa terra", lamentan dende a organización, "si que puidemos cumprir o noso obxectivo de ofrecer a nosa creatividade na forma dunha proposta "micro", pero moi coidada, que nos permitiu compartir con parte do noso público o noso amor pola música, sen poñer en risco a súa saúde, nin a dos artistas, nin a do resto das persoas que colaboran co festival, nin a das veciñas e veciños da vila". "Co MicroSonRías demostramos que co apoio das institucións patrocinadoras a cultura sigue sendo atractiva para o público e que, ademais, é segura", conclúen, "e isto é o máis importante para nós".
O MicroSonRías está organizado por PlayPlan e conta co patrocinio do Concello de Bueu, de Turismo Rías Baixas da Deputación de Pontevedra e de Fest Galicia e Xacobeo 2021, da Xunta de Galicia.
(Fotos de Oscar Corral).