Ad Code

Ad Code

Estación Fitopatolóxica Areeiro constata buen estado de las viñas dada la climatología reinante

O centro dependente da Deputación de Pontevedra lanzou un novo aviso no que tamén recomenda incrementar a vixilancia sobre a bolboreta do buxo

A Estación Fitopatolóxica Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra, vén de lanzar un novo aviso fitosanitario no que volve constatar o bo estado xeral das viñas e recomenda incrementar a vixilancia sobre a bolboreta do buxo. Areeiro destaca o avance da fenoloxía das viñas, de feito que poden manterse as previsións de adianto da vendima. Neste senso, o persoal especialista subliña que moitas das grandes adegas xa estableceron os seus límites para a última intervención, e recomenda que, de ser necesario realizar un último tratamento nas viñas, haberá que decantarse por produtos cun prazo de seguridade máis curto que a data estimada de vendima.


No aviso, Areeiro advirte tamén que aínda que a situación das viñas é boa, na última semana atopáronse algunhas novas manchas de mildio nalgúns crecementos tenros, o que non sucedía desde facía tempo. Algunhas destas manchas eran moi incipientes e non presentaban esporulación, pero outras si a tiñan. Tamén en dúas viñas detectouse nova frutificación e zonas de avance nas manchas antigas. Porén, a súa presenza afectaba a poucos brotes e/ou poucas plantas. Coas previsións meteorolóxicas para as próximas xornadas, non se espera que poida incrementarse o número de manchas pero Areeiro incide en que para evitar que as esporas do mildio se dispersen en caso de que chova, poden eliminarse os brotes afectados se as viñas son de reducidas dimensións. 


No caso do oídio, o persoal de Areeiro sinala que  nas viñas que tiñan presenza do fungo, os acios que aínda non están no “pleno pintado” continúan amosando grans infectados de novo polo patóxeno e tamén se observaron viñas con acios completamente afectados. Doutra banda, empeza a ser frecuente a presenza de micelio nos rebuscos e tamén nas follas dalgunhas plantas, en especial nos predios máis afectados e tamén nos que levan máis tempo sen tratamentos. O fungo tampouco pode danar ao acio en maduración, pero naquelas viñas máis  afectadas Areeiro apunta que haberá que manter a vixilancia e eliminar, se é viable, os acios máis gravemente danados. 


No que respecta ao black-rot, Areeiro destaca que xa non hai risco de danos, mentres que no que atinxe á botrite destaca que se finalmente os próximos días hai precipitacións, haberá que estar pendentes da súa contía e duración, sobre todo nas viñas de variedades máis sensibles e/ou naquelas con ataques mal controlados de oídio, cun número moderado de perforacións das avelaíñas do acio ou con feridas de calquera outro tipo.


Doutra banda, Areeiro subliña que no caso das avelaíñas do acio, nesta semana non se recolleron adultos nas trampas instaladas, pero se atoparon algúns ovos (inviables, secos, na súa maioría) e tamén algunha que outra perforación nova na meirande parte dos predios revisados. De manterse as datas de vendima máis temperás, non se espera que haxa danos de consideración polas perforacións larvarias e, neste senso, o persoal da Estación destaca que só haberá que estar pendentes ante un posible cambio de tendencia na climatoloxía pola incidencia na botrite.


Tampouco se observaron variacións na presencia de cicadelidos. Nos recontos de ninfas tamén o número foi moi baixo, comprendido entre 1 e 4 por cada 100 follas. Pola súa banda, malia ter un número moi elevado de trampas nas zonas sensibles, non se recolleu aínda ningún exemplar de Scaphoideus titanus.


Doutra banda, Areeiro constatou tamén síntomas de trips nalgunhas viñas da comarca do Salnés, pero o número de gromos afectados e a presenza de individuos neles non xustifica un tratamento. E se seguen atopando frecuentemente síntomas de erinose, que non require tratamento. 


O aviso tamén se refire a outras incidencias, como a  existencia de síntomas de alteracións de madeira nas plantas dalgunhas viñas, derivada do estrés causado pola climatoloxía que leva rexistrándose, e tamén de síntomas propios do estrés en si mesmo como son os golpes de sol nos acios ou os síntomas de seca, que están a provocar xa nalgúns predios unha senescencia prematura das follas.


Amais, o aviso fitosanitario refírese tamén a outras plantas e cultivos. O persoal da Estación recomenda incrementar a vixilancia sobre a bolboreta do buxo, xa que esta semana se detectou en Areeiro un adulto e a primeira posta. Nas plantas doutros lugares observouse tamén algunha crisálide.  


No caso da maceira, sinala que aínda quedan algunhas formas sen parasitar nas colonias de pulgón laníxero, pero nas plantas controladas os niveis de parasitismo por Aphelinus mali son moi elevados. Así mesmo, detectouse a presenza, nunhas plantas da variedade reineta, de síntomas de araña Tetranychus urticae. Aínda que estes síntomas eran iniciais, de seguir o tempo seco como prevé a maioría dos institutos meteorolóxicos, poderán incrementarse as poboacións.

No que se refire aos cítricos, Areeiro constatou que segue sen haber apenas brotes novos pola psila africana nas plantas controladas, aínda que se seguen a recibir consultas acerca desta praga. Amais, nalgunhas plantas observáronse pulgóns e outros chupadores, que aínda non ben empezan abrir as follas xa as ocupan.

Por último, no que respecta ao piñeiro, continúa o voo da praga da procesionaria e esta semana foi cando máis adultos se recolleron nas trampas.