Os Roteiros constarán dun total de 12 rutas (seis literarias e seis de arquitectura), nas que se ofertarán 24 prazas en cada unha e que percorrerán 14 concellos da provincia.. Como explicou a presidenta, os Roteiros Literarios desenvolveranse os domingos a partir do 6 de setembro en horario de mañá (11.30 a 13 horas) e serán paseos por seis cidades e vilas escenario de obras literarias. Terán como guías a autores e autoras da AELG, que tomarán como base obras propias ou alleas. Neste senso, Carmela Silva destacou a labor do colectivo que preside Cesáreo Sánchez na “revolución cultural que sobre todo na escrita está a vivir Galicia”. “Non sei se sairemos mellores ou peores da pandemia, pero a cultura permite construír sociedades mellores, non teño dúbida nin esta Administración tampouco _significou_. Por iso imos continuar celebrando estas actividades, incluso conxugándoas en vindeiras edicións, porque a arquitectura é o lugar onde descansa a vida física e a literatura onde descansa a vida toda”.
As camiñadas literarias arrancarán o 6 de setembro en Baiona, onde Iria Misa comentará os escenarios da súa obra Segredos no solpor. Continuarán logo en Vilagarcía (13 de setembro) cun roteiro arredor de O xardineiro dos ingleses, que conducirá o escritor desta obra, Marcos Calveiro e en Cerdedo-Cotobade (20 de setembro), coa ruta literaria e etnográfica que guiará o profesor e etnógrafo Carlos Solla. Posteriormente, o 27 de setembro Manrique Fernández conducirá un paseo polos espazos vinculados á literatura en Ponteareas e o 4 de outubro Xosé Monteagudo fará un repaso pola vida cultural, política e social na cidade de Pontevedra, protagonista da súa obra Todo canto fomos. Os roteiros rematarán o 10 de outubro coa ruta guiada por Anselmo López Carreira sobre o Vigo Medieval.
Tras dar a coñecer os itinerarios, o presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias, destacou a colaboración da Deputación neste proxecto que “fai que a literatura non só sexa territorio presente senón tamén territorio de soños e de futuro”. “Dalgunha maneira o libro podería ser tamén a construción da arquitectura da alma”, engadiu o escritor, para quen “a riqueza do patrimonio cultural na provincia de Pontevedra provoca esa outra riqueza que é darlle contido literario, facer que os lugares sexan habitados por personaxes reais ou soñados. É outra maneira de que as cidades e vilas, os lugares vivan”. “Esta recreación literaria _agregou_ tamén é unha maneira de que as novas xeracións poidan vivir actualmente en territorios que son construídos por moitas outras, que nos trouxeron o legado do seu patrimonio inmaterial e material e que farán que permanezan nos lectores. Porque todo lector que recorde un lugar físico, un territorio, atopará claves para darlle sentido a aquelo que previamente le”.
En canto aos Roteiros de Arquitectura, este ano terán como eixo central o Barroco, despois da conmemoración do Día das Artes Galegas deste ano dedicada á figura do arquitecto Domingo de Andrade. Carmela Silva subliñou que “serán visitas sobre época, ética e estética” a diversos espazos barrocos da provincia e que guiadas por tres destacadas mulleres expertas en arquitectura e historia, Estefanía López, Paula Pita e Luz Paz. “Creo que isto tamén visibiliza o moito que as mulleres teñen aportado á arquitectura e a todos os eidos”, sinalou.
Neste caso, os paseos chegarán a todas as comarcas da provincia e serán os sábados en horario de mañá. Comezarán o 12 de setembro en escenarios barrocos de Pontevedra e Poio, para continuar o 19 de setembro por espazos representativos deste estilo arquitectónico en Vilagarcía e Cambados e o día 26 por Tui, onde se visitará a catedral, precisamente unha das obras de Domingo de Andrade, e outros lugares en Salvaterra. Xa en outubro, o día 3 as rutas chegarán a diversos lugares dos concellos de Vigo, Nigrán e Baiona; o 10 de outubro a espazos barrocos de Bueu e Cangas e o día 17 finalizarán cunha ruta por pazos en Lalín e A Estrada.
O vicepresidente da Academia Galega das Belas Artes, Celestino García Braña, destacou que esta nova colaboración coa Deputación nos Roteiros dá continuidade á anterior sobre arquitectura moderna e destacou a Domingo de Andrade como “o gran arquitecto do século XVII”. “Nestas rutas falaremos do Barroco galego como expresión dun momento determinado, dunhas ansias da sociedade de expresar en que consistía a vida a mediados do século XVII _indicou_. Os pazos, igrexas e rúas que se van percorrer teñen que ver coa expresión arquitectónica dese século”. García Braña quixo reivindicar na súa intervención “o senso profundo que ten a arquitectura”. “Manter os edificios en boas condicións é un papel fundamental porque entronca coa nosa tradición _indicou_ . Porque a arquitectura ampara a vida. Que diferente é confinarse nunhas condicións ou outras. Se a felicidade existe, que pode ser, tense que dar en espazos agradables, se non, non hai felicidade. Estes roteiros son momentos para explicar o sentido profundo da vida, á que acompaña sempre a arquitectura”.
O desenvolvemento destas rutas, como subliñou Carmela Silva, estará guiado por un estrito protocolo “con todas as medidas de seguridade e garantías sanitarias” e, de feito, os desprazamentos aos lugares de partida deberán facerse por medios particulares. Será obrigado o uso de máscara. As inscricións poden realizarse xa no enderezo electrónico roteiros.cultura@depo.gal, indicando cal é a ruta escollida, os nomes das persoas participantes (máximo de 4 por reserva) e un teléfono de contacto.