O presidente provincial agradece o esforzo desenvolto polo partido en toda a provincia, e recorda que as eleccións se celebraron nun momento complicado, pero a cidadanía entendeu que eran seguras e que era importante participar.
O presidente do Partido Popular de Pontevedra, Alfonso Rueda, asegurou que o domingo a cidadanía falou claro para revalidar a cuarta maioría de Núñez Feijóo na Xunta, e salientou a vitoria dos populares na provincia. Foi durante o Comité de Dirección que o PP provincial celebrou onte pola noite para analizar os resultados do 12 de xullo. Rueda destacou que o PP gañou en 57 dos 61 concellos da provincia, entre eles as tres cidades da provincia e tamén no resto de concellos de máis de 20 mil habitantes. “Un resultado do que estamos satisfeitos".
Así, e á espera do reconto do voto exterior que se fará o luns e que determinará si finalmente o PP alcanza o undécimo deputado, Rueda amosouse satisfeito porque o importante está feito, que era conseguir a cuarta maioría absoluta. E, engadiu, nun momento moi complicado e nunha provincia difícil, o PP volve a recibir o apoio da maioría da cidadanía. O PP superou en 86.869 votos á segunda forza, obtivo a maioría absoluta en 32 concellos e en once deles, o PP superou o 60% dos votos. Ademais, gañou en todos os concellos de máis de 20 mil habitantes, incluídas as tres cidades da provincia.
Rueda recalcou que a mensaxe do domingo foi clara, e os cidadáns apostaron por un goberno con experiencia para que se poña a traballar desde o minuto un, tal e como están facendo. “Entenderon a importancia de seguir contando cun goberno serio e sólido, con experiencia, e de apostar polo mellor para devolver a estabilidade a Galicia”. Ademais, o presidente provincial agradeceu o esforzo desenvolto polo partido en toda a provincia, incluíndo candidatos, militantes, simpatizantes e o equipo de campaña.
Con respecto ao voto exterior, Rueda volveu a insistir en que Correos e o Ministerio de Asuntos Exteriores deben garantir que os votos de quen exerceron o seu dereito, máis de 5.000 persoas, cheguen a tempo. E lamentou que quedasen sen votar en países como Venezuela, Cuba ou Arxentina, porque quen tiña que facer chegarlles o voto non cumpriu. "Chama a atención a indiferencia de PSOE e BNG ante o feito de que miles de galegos e galegas non puideran exercer o seu dereito a voto", concluíu.