Personas procedentes de zonas con alta incidencia de la Covid-19 deberán comunicar sus datos de contacto a la Xunta

Feijóo avanza que esta nova medida terá carácter obrigatorio para todas as persoas que proveñan ou estiveran nos últimos 14 días en zonas con alta incidencia epidemiolóxica, independentemente de que sexan residentes na Comunidade ou non.


A Consellería de Sanidade publicará quincenalmente a listaxe de territorios considerados de alta incidencia, que poderán ser tanto países estranxeiros coma outras comunidades autónomas.


O Consello aprobou hoxe unha nova recomendación: limitar o número de asistentes ata un máximo de 25 persoas nas reunións privadas de persoas non convivintes.


Tamén se decidiu adquirir 14 ecógrafos para realizar nos hospitais galegos un seguimento das complicacións asociadas á infección.


O presidente do Goberno Galego en funcións, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe, na rolda de prensa do Consello, que todas as persoas que cheguen a Galicia procedentes de territorios con alta incidencia epidemiolóxica pola covid-19 deberán comunicar os seus datos de contacto ás autoridades sanitarias, independentemente de que sexan residentes na Comunidade ou non. 


En concreto, esta nova medida terá carácter obrigatorio para todas as persoas que proveñan ou estiveran nos últimos 14 días en zonas con alta incidencia epidemiolóxica e terá carácter voluntario para as que proveñan dun lugar sen incidencia epidemiolóxica complexa. Ademais, Feijóo precisou que, dependendo do lugar de onde veña a persoa, poderíaselle facer a PCR sen síntomas. 


Para proporcionar esta información, poderase cubrir un formulario que estará dispoñible na web do Sergas habilitada como consecuencia do virus (coronavirus.sergas.gal) ou subministrar os datos chamando ao teléfono 881 00 20 21. Desde a súa chegada a Galicia, as persoas terán 24 horas para comunicar os seus datos de contacto.


Pola súa banda, a Consellería de Sanidade publicará quincenalmente a listaxe de territorios considerados de alta incidencia, que poderán ser tanto países estranxeiros coma outras comunidades autónomas.


Así mesmo, facilitarase a todos os viaxeiros un contacto por se tivesen algún tipo de sintomatoloxía: a través do seu médico de cabeceira se son residentes con tarxeta sanitaria en Galicia; ou a través do número de teléfono anteriormente citado para aqueles que non dispoñan dela. 


Tamén se lles proporcionará información e recomendacións sanitarias. No caso de persoas vulnerables, con problemas respiratorios ou con calquera sintomatoloxía, procederase a facer unha PCR.


Os establecementos de aloxamento turístico estarán obrigados a informar desta medida os seus clientes; así como os responsables de axencias de viaxe, operadores turísticos, compañías de transporte aéreo, marítimo ou terrestre. Deberán facelo tamén as empresas que despracen aos seus traballadores por motivos laborais.


O presidente da Xunta en funcións explicou que o obxectivo é conseguir un diagnóstico precoz para protexer tanto aos galegos como ás persoas que nos visiten. 


A medida será efectiva desde a publicación pola Consellería de Sanidade da Orde que  regula esta comunicación, que terá lugar a semana que vén, e do listaxe de territorios considerados de maior incidencia epidemiolóxica.


Nova recomendación

Así mesmo, o presidente da Xunta en funcións informou da aprobación dunha nova recomendación: limitar o número de asistentes ata un máximo de 25 persoas nas reunións privadas de persoas non convivintes. “Non obrigamos pero si recomendamos que nas casas extremen as precaucións e que as reunións non superen, en ningún caso, as 25 persoas”, solicitou Feijóo.


Trátase dunha recomendación xustificada pola alta frecuencia de brotes xerados en celebracións e encontros en espazos privados nas semanas transcorridas desde a finalización do estado de alarma. 


As modificacións introducidas terán efectos desde o día seguinte á data de publicación do acordo no Diario Oficial de Galicia.


Nova compra de material para a loita contra á covid-19

O presidente da Xunta en funcións referiuse tamén á tramitación de emerxencia dun expediente de contratación, por valor de 823.000 euros, para a adquisición de 14 ecógrafos para repartir entre os hospitais galegos.


En concreto, adquírense: tres ecógrafos de altas prestacións para distribuír entro o Hospital Álvaro Cunqueiro en Vigo, o Hospital Universitario da Coruña e o Hospital Universitario de Santiago; outros catro ecógrafos con elastografía para o Hospital Universitario de Ourense, o Hospital Lucus Augusti, o Hospital de Montecelo en Pontevedra e o Hospital Arquitecto Marcide en Ferrol. E completan o lote sete ecógrafos sen elastrografía para os hospitais públicos de Cee, A Barbanza, O Salnés, A Mariña, Monforte de Lemos, Verín e Valdeorras.


Segundo precisou Feijóo, a adquisición deste material permitirá realizar estudos ecográficos de precisión en distintas patoloxías asociadas a pacientes afectados pola covid-19.



Alberto Núñez Feijóo