O 13º Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu proxectará máis de 80 obras en sala
0
Comentarios
Ata 59 dos filmes seleccionados poderán verse por primeira vez en Galicia do 11 ao 19 de setembro.
--- O Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu vén de ultimar a selección de obras para a súa 13º edición, logo de recibir preto de 2.200 propostas e de visionar a maiores outras 700 suxeridas polo equipo seleccionador, coordinado polo subdirector do FICBUEU, Severiano Casalderrey. Entre o 11 e o 19 de setembro proxectaranse no Centro Social do Mar máis de 80 títulos, dos que 25 serán estreas en España e outros 34 debutarán en Galicia. Polo tanto, 59 filmes poderán verse por primeira vez na Comunidade Autónoma.
O principal apartado do certame é a Sección Internacional, que se compón de 22 curtas das que seis están producidas ou coproducidas por Francia, poñendo de relevo a fortaleza da cinematografía gala. Séguenlle Suecia e Canadá, con tres participacións cada país, mentres que fan dobrete Portugal, Grecia e Reino Unido. Tamén estarán presentes, entre outros, o cinema palestino, o lituano ou o chinés. Cómpre apuntar o incremento do número de directoras, xa que atopamos 10 realizadoras e 14 realizadores, pois dúas das cintas están dirixidas a dúo.
A Sección Experimental, que se puxo en marcha o ano pasado, reedítase nesta edición con dez títulos, canda as seccións Galicia R e España, con cinco fitas canda unha, tres delas catalás no último caso. Aínda haberá un quinto capítulo competitivo, o dos traballos de centros de ensino, nos que se inclúe a nova Sección Escolas Internacionais, con cinco curtas procedentes de escolas de cinema doutros tantos países. A estas sumaríanse as gañadoras da Sección Escolas Galegas, que se proxectarán na gala protagonizada por alumnado de distintos niveis educativos.
En canto aos apartados non competitivos, o FICBUEU 2020 agasallará ao público coa apreciada Sección Comedia, integrada por media ducia de curtametraxes de produción europea. As familias e a rapazada tamén terán o seu oco no festival, coas seccións Infantil e Familiar. A primeira, destinada a menores de 10 anos, consta de trece cintas, e de nove a segunda. A maiores, na xornada inaugural do certame proxectaranse os traballos realizados nos obradoiros impartidos ao longo do curso 2019/2020 pola Asociación FICBUEU.
En total, serán máis de trinta sesións de cine nas que se garantirán as necesarias medidas de seguridade perante a Covid-19, como son a redución do aforo ou a ventilación e desinfección entre pases. O FICBUEU 2020 conta coa colaboración de diversas entidades, entre as que destacan a Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra e o Concello de Bueu.
Inevitable será reducir el aforo del local del festival junto a la aplicación de medidas sanitarias |