Lorenzo Milá recibe en Roma o XVI Premio José Couso de Liberdade de Prensa

O XVI Premio José Couso de Liberdade de Prensa, organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e o Club de Prensa de Ferrol, xa está en posesión de Lorenzo Milá. A estatuiña do galardón foille enviada á correspondencia da TVE en Roma logo de que a crise sanitaria impedira que se celebrara o tradicional acto de entrega en Ferrol.

O XVI Premio José Couso de Liberdade de Prensa xa está nas mans de Lorenzo Milá. A estatuiña de Manuel Patinha que simboliza o galardón convocado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e o Club de Prensa de Ferrol viaxou até a correspondencia da TVE en Roma, onde está a traballar o galardoado.

Debido ás circunstancias impostas pola actual crise sanitaria, non foi posíbel celebrar o tradicional acto en Ferrol para facerlle entrega do premio ao gañador desta décimo sexta edición, polo que se optou por enviarllo a Roma para que puidese telo con el canto antes.

Lorenzo Milá foi elixido como gañador do Premio Couso en votación aberta e secreta polos colexiados e colexiadas do CPXG e polos socios e socias do Club de Prensa. Milá competía nesta edición coa actual correspondente de Televisión Española en Asia-Pacífico, Mavi Doñate e o recentemente cesado como director da Axencia Efe, Fernando Garea.

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, creado pola Lei do Parlamento Galego 2/1999 do 24 de febreiro, e o Club de Prensa de Ferrol organizan o premio co obxectivo de recoñecer e difundir o traballo dunha persoa viva ou organización existente destacada na defensa da liberdade de prensa ou cunha salientable traxectoria profesional, libre e independente.




Artículo Anterior Artículo Siguiente