Ademais das inspeccións previas, durante a propia xornada electoral do 12 de xullo, despregaranse en todos os locais electorais un equipo de representantes da Administración con funcións de vixilancia e supervisión para asegurar o cumprimento das medidas en materia de saúde pública. As medidas inclúen, entre outras, distancias de seguridade, uso obrigatorio da máscara e xel, e control de acceso, tal e como se amosou esta mañá nunha demostración práctica nun local electoral de Boqueixón.
Así, o días das eleccións os representantes da Administración regularán o acceso e o aforo dos locais electorais controlando o fluxo de votantes para evitar aglomeracións e dando prioridade ás persoas maiores de 65 anos ou con algunha discapacidade
Tamén se encargarán de vixiar que se respectan as distancias de seguridade e de lembrar que é obrigatorio hixienizar as mans con xel hidroalcohólico antes de proceder ao voto, así como o uso da máscara, facilitándolles unha se non a traen da rúa.
A Xunta porá a disposición dos locais electorais máscaras e todo o material de protección e prevención necesario para poder seguir estas pautas.
Tal e como se comprobou hoxe en Boqueixón, haberá cartelería para facilitar o seguimento das pautas sanitarias e para sinalizar o percorrido e os fluxos de circulación de entrada e saída no interior dos locais.
O mobiliario para as persoas integrantes da mesa electoral estará colocado de maneira que se manteña a distancia de seguridade, ao igual que na zona que ocuparán interventores e apoderados dos partidos políticos.
Cómpre recordar tamén que na mesa haberá unha bandexa na que os electores deberán depositar o DNI antes de votar, co obxectivo de rebaixar ao mínimo os contactos entre os membros das mesas e os electores.