Lamentan que nun incendio que se produce a menos de 2 minutos dos bombeiros de Pontevedra, teñan que trasladarse as emerxencias de Ribadumia e Sanxenxo e amplíen o tempo de resposta a media hora.
O grupo provincial do Partido Popular esixe ao Bipartito PSOE-BNG na Deputación de Pontevedra que poña os fondos necesarios e avance na comarcalización do Parque de Bombeiros de Pontevedra. O voceiro popular, Jorge Cubela, sinala que os incendios ocorridos nos últimos días en Poio demostran que esta comarcalización é urxente e necesaria.
“Os tres incendios que ocorreron na parroquia de San Salvador nos últimos catro días evidencian que a comarcalización do Parque de Bombeiros de Pontevedra é fundamental”, sinala. Para Cubela, “é inexplicable que habendo un parque de bombeiros nesta mesma parroquia, a menos de dous minutos de onde ocorreron os feitos, non acudan en caso de emerxencia”. Por iso critica, que se teñan que desprazar os servizos de emerxencias desde Sanxenxo e Ribadumia, ampliando o tempo de resposta a media hora cando podería terse solucionado en 2 minutos.
O deputado di que está na man da Deputación ofrecer unha solución inmediata ao respecto. “Os concellos da comarca queren, a Xunta tamén, e incluso os profesionais”. A comarcalización do parque de bombeiros de Pontevedra é fundamental tamén para os concellos da Lama, Campo Lameiro, Ponte Caldelas, Barro e Cerdedo-Cotobade.
“Desde o PP levamos anos defendendo a urxencia de comarcalizar o parque, recollendo o clamor que hai nestes concellos a través de mocións e intervencións públicas, pero entendemos que o Goberno PSOE-BNG da Deputación debe actuar xa”.
Por último, recorda que a competencia das emerxencias para os concellos de menos de 20 mil habitantes é da Deputación de Pontevedra. Así o indica a Lei de racionalidade e sostibilidade das administracións locais que dá competencia ás deputacións en materia de emerxencias e extinción de incendios, concretamente no artigo 36.c. E tamén a Lei de Emerxencias de Galicia é clara ao respecto.