Preocupación pola incidencia que poida deixar o COVID nos centros especiais de emprego de iniciativa social

Preocupación en COGAMI pola incidencia que poida deixar o COVID nos centros especiais de emprego de iniciativa social, sector que supera os 1.500 empregos

O COVID19 impactou directamente nas iniciativas de economía social e cómpre un firme compromiso por parte das Administracións mediante a adopción de medidas para paliar as consecuencias e favorecer a recuperación dos centros especiais de emprego.

COGAMI dedica o mes de xuño á economía social durante a campaña 12 Chaves da Inclusión, lanzada este ano polo 30 Aniversario da Organización.


A economía social galega representa o 10% do Produto Interior Bruto, segundo datos oficiais. A Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) dedica, na campaña 12 Chaves da Inclusión lanzada polo seu 30 Aniversario, o mes de xuño á economía social, un exemplo de compromiso coas persoas, co coidado do medio ambiente, coa responsabilidade social e coa xeración dun valor que se comparte co resto da sociedade.

Exemplo de economía social son os centros especiais de emprego sen ánimo de lucro que teñen por obxectivo o fomento do emprego de persoas con discapacidade. De non ser por estas iniciativas empresariais, cun mínimo do 70% do cadro de persoal con discapacidade recoñecida, a inserción no mercado laboral sería máis complexa. Galicia actualmente rexistra un total de 32 centros asociados a Cegasal ( Asociación Empresarial Galega de Centros Especiais de Emprego Sen Ánimo de Lucro) nos que traballan máis de 1.500 persoas, das cales 663 fano nalgún dos 11 centros que promove COGAMI (Coregal, Dixardín, Trameve, Artegalia, Accede Social, Integratex, Grafinco, Hornos de Lamastelle, Combina Social, Activa Social ETT e Galega de Economía Social). Estas iniciativas sociais xeran as súas propias oportunidades laborais a persoas con discapacidade en sectores como medio ambiente, alimentación, artes gráficas, téxtil, distribución, consultaría e transporte, nas que máis do 90% teñen discapacidade.

En palabras do presidente de COGAMI, Anxo Queiruga, os centros especias de emprego de iniciativa social “supoñen unha oportunidade laboral, que non sempre oferta a empresa ordinaria a persoas con discapacidade, e que nos permite máis autonomía e trazar un proxecto de vida como calquera outra persoa. Ademais, temos que sinalar que a economía social está centrada na persoa, non nos beneficios, xerando traballo máis estable e de mellor calidade”.

Ao igual que na maioría de empresas, o impacto do COVID-19 tamén se notou en COGAMI Empresarial, tendo que paralizar ou reducir temporalmente a actividade dalgúns dos centros especiais de emprego trala declaración do estado de alarma, e noutros casos, continuaron a prestar servizos, en modo teletraballo, dando apoio e soporte. Dende COGAMI solicitamos ás Administracións un firme compromiso coa economía social mediante a adopción de medidas para paliar as consecuencias e favorecer a recuperación. Así mesmo, pedimos que se cumpra coa lei de contratación pública e que as administracións reserven a carga de traballo que especifica a norma para os centros especiais de emprego de iniciativa social, sen ánimo de lucro.

Dende COGAMI queren lembrar que durante a pasada crise de 2008 o grupo social das persoas con discapacidade foi proporcionalmente o máis afectado ao duplicar o número de persoas paradas, en palabras de Anxo Queiruga “foron os centros especiais de emprego de iniciativa social os que mantiveron a maioría do emprego das persoas con discapacidade”.

Campaña 12 Chaves da Inclusión: economía social


COGAMI continúa coa campaña 12 Chaves da Inclusión na que fala de dereitos e que neste mes de xuño dedica á Economía Social, unha oportunidade laboral para as persoas con discapacidade e tamén para o resto da sociedade.
Co fin de conmemorar os trinta anos de traxectoria, a través das 12 Chaves da Inclusión COGAMI quere sensibilizar sobre os dereitos básicos e fundamentais de todas as persoas coa difusión de 12 pezas audiovisuais que se difunden en redes sociais co hashtag #30AniversarioCOGAMI. Cada peza refírese a un dereito: a primeira delas foi a educación inclusiva; febreiro centrouse na autonomía persoal; marzo nos dereitos das mulleres e nenas con discapacidade; abril saúde, maio dedícase ao emprego e este mes de xuño fala de economía social. As vindeiras desenvolveranse: xullo á accesibilidade; agosto a voluntariado; setembro a turismo, lecer e deporte; outubro a movemento asociativo; novembro a infancia e xuventude e decembro a dereitos.
Podes ver o vídeo dedicado á chave de emprego neste enlace: https://youtu.be/QkBtJQn2nng