“O teu primeiro o emprego”, cun orzamento de máis de 2.600.000 euros, chega por segundo ano consecutivo, substituíndo ao antigo Plan de Práctica Laboral, e aliñándose co Plan director por un Traballo Digno co fin de “garantir condicións laborais dignas para a poboación que se incorpora ao mercado laboral”. Tal e como destacou a presidenta da Deputación, este plan busca mellorar a empregabilidade da poboación moza da provincia facilitando que persoas universitarias e de ciclos superiores poidan acceder a un primeiro emprego ao nivel dos estudios cursados que lles computa para a vida laboral, adquirir experiencia, percibir un salario digno, e facilitar a súa inserción no mercado laboral.
Carmela Silva continuou explicando que, ao igual que o ano pasado, os contratos en prácticas terán unha duración de seis meses prorrogables a outros seis e o proxecto estará estruturado en catro programas de actuación: O teu primeiro emprego na Deputación de Pontevedra, nos concellos, nas empresas e corporacións sectoriais, e en organizacións non gobernamentais. Neste senso, no caso de concellos e Deputación as bases serán aprobadas no primeiro semestre deste ano e a presidenta avanzou que “imos apostar moito máis pola inclusión social e fomentaremos o acceso das persoas con diversidade funcional ás distintas prazas que se oferten”.
No que respecta a “TIC Emprendes”, conta cun orzamento de máis de 700.000 euros, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e está destinado a 390 persoas mozas, de entre 16 e 30 anos, daqueles concellos da provincia que máis sofren o déficit demográfico. Neste eido, o obxectivo é fomentar o emprendemento entre a xente máis nova, promover a formación cara ao emprego e “loitar contra o despoboamento propoñendo alternativas que fixen á poboación moza nas zonas con maiores problemas demográficos”, resaltou Silva.
Ademais, a presidenta provincial sinalou que este programa ten como metas que “o 15% das persoas mozas participantes comecen unha iniciativa emprendedora, que o 30% obteña un emprego e que o 80% permaneza no seu lugar de residencia”. Ao abeiro deste proxecto desenvolveranse 26 accións formativas impartidas en torno a 11 itinerarios, que está previsto que comecen no mes de setembro. O prazo de presentación de solicitudes iniciarase o primeiro día hábil seguinte ao da publicación do extracto da convocatoria das bases no BOPPO e rematará quince días hábiles antes do comezo de cada acción formativa.
Os 31 concellos que compren cos baremos demográficos para entrar no programas son: A Illa de Arousa, Meaño, Meis, Portas, Pontecesures, Catoira, Cuntis, Valga, Forcarei, Silleda, Agolada, Dozón, Rodeiro, Vila de Cruces, Barro, Moraña, Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade, Ponte Caldelas, A Lama, Fornelos de Montes, Pazos de Borbén, Mondariz, Mondariz-Balneario, Covelo, As Neves, Arbo, A Cañiza, Crecente, Oia e O Rosal.