martes

Medio Rural investirá 165 millóns de euros no seu Plan de reactivación e dinamización para facer fronte á crise

 A Consellería do Medio Rural investirá 165 millóns de euros no seu Plan de reactivación e dinamización para facer fronte á crise provocada pola covid-19, dos cales 24 millóns de euros serán para axudas directas a produtores e pemes afectados por esta situación. Serán dun importe máximo de ata 7.000 euros por produtor e de ata 50.000 euros por peme, segundo explicou o conselleiro José González, quen lle pediu aos integrantes do Consello Agrario, na súa xuntanza de hoxe, que “nos trasladen cales son eses sectores máis afectados”. Engadiu que se van “delimitar obxectivamente de cales se trata e imos facer unha cobertura desa perda de renda” que se rexistrou pola pandemia.

O conselleiro do Medio Rural, José González presentou hoxe aos axentes do sector, no marco do Consello Agrario, os detalles desta iniciativa, que contempla diversas medidas e accións que terán un impacto económico estimado de máis de 568 millóns de euros no tecido produtivo do agro galego.

Así, José González anunciou que o Plan de reactivación e dinamización contempla tres grandes obxectivos. En primeiro lugar, o de fortalecer a competitividade dos sectores produtivos do rural galego no contexto da emerxencia sanitaria. En segundo termo, impulsar a promoción e comercialización cunha estratexia de diferenciación baseada na calidade e na diversidade das producións e, por último, reforzar e poñer en valor o labor dos sectores agrogandeiro e forestal no mantemento da vida e da paisaxe rural.

Este plan estrutúrase en cinco eixos de actuación, que pasan pola promoción, a comercialización e a internacionalización dos produtos agroalimentarios galegos (10.250.000 €); a sustentabilidade económica dos sectores agrogandeiro e forestal (107.450.000 €); o reforzo da resiliencia do territorio rural (42.600.000 €); a formación, a innovación e a dixitalización (4.200.000 €) e a simplificación e flexibilización administrativa (700.000€).

De entre as 14 medidas e 36 accións que integran o plan, o conselleiro salientou especialmente a dotación de axudas directas aos sectores produtivos, de case 24 millóns de euros, e que proporcionará asistencia de emerxencia aos produtores e ás pemes máis afectados. Trátase, dixo José González, de asegurar a continuidade da súa actividade tras a crise pola covid-19. Neste sentido, trasladou que a Xunta está realizando un estudo de incidencia naqueles sectores máis afectados e, consonte a el, publicarase unha orde de axudas específica. Esta medida intégrase no eixo da sostibilidade dos sectores produtivos do agro, xunto con outras como o Plan de liquidez da Consellería –xa posto en marcha- e que inclúe o anticipo da PAC ou a axilización do pago de subvencións, algunhas delas xa convocadas e outras que anunciaremos nos vindeiros días, como é o caso dos anticipos de ata o 50% -ata o momento na maioría dos casos os anticipos eran tan só do 10%- das axudas agrícolas, gandeiras e de desenvolvemento rural das convocatorias cofinanciadas por fondos europeos, sen necesidade de que o interesado aporte aval da entidade bancaria. 

A maiores, neste mesmo apartado contémplase a posta en marcha de plans específicos de reactivación dos sectores máis afectados, con participación dos operadores. O fomento da cooperación e da concentración empresarial son outras accións previstas, así como o reforzo da coordinación cos axentes do territorio, reforzando a presenza a través das oficinas agrarias comarcais e dos distritos e realizando un plan de dixitalización destas oficinas xunto coa posta en marcha da oficina agraria móbil. Tamén, explicou o conselleiro, se reforzará a colaboración cos grupos de desenvolvemento rural, apostando polos fondos Leader en aspectos como a capacitación sobre novas vías de comercialización para produtores, a creación de redes entre os produtores locais ou a identificación de novas canles de comercialización en circuítos locais.

Novo modelo de pagos directos
Así mesmo, José González lembrou que se está a implementar un Plan estratéxico da PAC post 2020, que procurará medidas adaptadas ás características e necesidades do medio rural galego. Explicou que se trata de propiciar un novo modelo de pagos directos, que contemple o mantemento do apoio ás rendas dos produtores, unha maior equidade no seu reparto, o respaldo preferente aos pequenos e medianos agricultores e a integración de obxectivos medioambientais mediante eco-esquemas que poñan en valor os sistemas produtivos existentes. 

Precisamente, no eixo da promoción, da comercialización e da internacionalización, o conselleiro destacou o fomento de Mercaproximidade, a canle alternativa de venda de produtos primarios creada pola Xunta durante a emerxencia sanitaria, mediante iniciativas como unha campaña de concienciación da sociedade sobre a importancia do consumo de proximidade ou a promoción de produtos galegos entre a alta hostalería e a restauración. Nesta mesma liña, explicou o responsable de Medio Rural, a creación de mercados singulares en localizacións emblemáticas das catro provincias será outra medida a adoptar para prestixiar e poñer en valor as producións agroalimentarias galegas, vinculando os produtos a Galicia Calidade. Ao fío disto e coa vista posta en levar os produtos máis alá das nosas fronteiras, tamén se potenciará a creación dun grupo de traballo interdepartamental para o deseño dun Plan de internacionalización das empresas agroalimentarias galegas.

Este eixo, dixo o conselleiro, tamén recolle a posta en marcha dun programa de promoción do consumo de proximidade nos comedores escolares e outro de compra pública responsable, orientado ao fomento da adquisición de produtos agroalimentarios por parte da Xunta, coa idea de empregalos en hospitais, residencias e centros de día, entre outros.

No que atinxe á resiliencia do territorio rural, o titular de Medio Rural trasladou que se implementarán proxectos de recuperación e posta en valor da terra, contando con pancas como a lei específica ou as iniciativas xa en marcha, tanto as aldeas modelo como os polígonos agroforestais. Todo isto -explicou González- sen esquecer as reestruturacións parcelarias que se seguirán decretando ou o fomento da multifuncionalidade dos montes a través do plan de pastoreo e o de soutos tradicionais para a súa recuperación. 

Impulso á teleformación
Dentro do eixo da formación, da innovación e da dixitalización, traballarase no impulso á teleformación agroforestal. Ademais tamén intensificará e flexibilizará a formación continua agroforestal, cunha orientación cara aspectos como a xestión empresarial, o marketing e as vendas, así como cun plan de impulso da I+D+i agraria e co impulso da investigación e da innovación nestas áreas. A maiores, tamén se implementará un programa de dixitalización do sector forestal, consolidando o Observatorio da Oficina Virtual, mediante a informatización completa de todas as solicitudes e declaracións responsables de aproveitamentos madeireiros, coa tramitación electrónica das poxas públicas de madeira en montes xestionados pola Xunta e coa actualización permanente do Inventario Forestal Continuo. 

Por último, no eido da simplificación e flexibilización administrativa, José Gonzalez adiantou que se reformarán os procedementos para a axilización de trámites e potenciarase unha atención máis personalizada a través da Oficina Virtual e da oficina agraria móbil, entre outras medidas.