Estes postos serán ocupados por persoal de Protección Civil e por representantes da Administración e encargaranse, por exemplo, de recordar o uso obrigatorio do xel hidroalcohólico e da máscara (no caso de que os electores non traian unha da rúa, facilitaranlles unha). Tamén axudarán a regular o acceso e o aforo, xestionando o fluxo de votantes ou o acceso de persoas prioritarias, como maiores.
Esta é unha das medidas que explicaron hoxe técnicos da Xunta durante unha demostración práctica de como se desenvolverá a xornada electoral, que tivo lugar nun local de Marín.
Os técnicos visitaron un local no que se instalaron todas as medidas preventivas necesarias. Isto é: sinalización do percorrido, marcas coas distancias de seguridade que hai que manter, zonas de entrada ou de saída; e cabinas que manteñen o segredo do voto sen necesidade de manipular ningún elemento que poida ser manipulado por máis votantes, como as cortinas.
Os locais tamén deberán contar con mesas para os presidente e os vogais que permitan manter a distancia de seguridade, da mesma forma que esta debe ser tamén garantida na zona que ocuparán interventores e apoderados dos partidos políticos.
Cómpre recordar tamén que na mesa haberá unha bandexa na que os electores deberán depositar o DNI antes de votar, co obxectivo de rebaixar ao mínimo os contactos entre os membros das mesas e os electores.
Para garantir que os locais cumpren con todas estas medidas, a Xunta habilitou un equipo de 133 representantes da Administración para a coordinación e colaboración na adopción de medidas preventivas fronte á covid-19 que revisaron os 2.405 locais electorais de Galicia. Grazas a estes traballos previos, a día de hoxe o 100% dos locais electorais cumpren coas medidas de seguridade.
A semana antes das elección haberá unha nova revisión para comprobar, logo da instalación do mobiliario e da sinalización, que todos os locais cumpren coas garantías.