jueves

Empresariado de Pontevedra recibe apoyo de la Xunta para la reactivación económica

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, apuntou esta tarde nun webinario organizado polo Foro Empresa Pontevedra a un dobre obxectivo: reforzar a solvencia do tecido empresarial e o seu crecemento e dotalo dos instrumentos precisos para que gañe en competitividade

A XUNTA COMPROMÉTESE CO EMPRESARIADO DE PONTEVEDRA A SEGUIR TRABALLANDO XUNTOS POLA REACTIVACIÓN ECONÓMICA

Informa de que o Plan de reactivación da Xunta atenderá de modo prioritario aos sectores máis afectados pola paralización da actividade

Lembra instrumentos que xa están a disposición do empresariado, como a liña de financiamento para pemes e autónomos, a través da cal se están concedendo 125 préstamos na provincia de Pontevedra por valor de 7,5 millóns de euros


 O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, comprometeuse hoxe durante a súa intervención no webinario Medidas económicas ante o escenario poscovid-19, organizado polo Foro Empresa Pontevedra, a seguir traballando man a man co tecido empresarial para avanzar na reactivación económica cun dobre obxectivo: por un lado, reforzar a súa solvencia e crecemento; e por outro, dotalo dos instrumentos precisos para que gañe en competitividade.

Neste sentido, adiantou que a Xunta aprobará un Plan de reactivación económica que recollerá unha nova liña de microcréditos para pemes e autónomos e atenderá de modo prioritario aos sectores máis afectados pola paralización da actividade e a aqueles con maior potencial de dinamizar a economía, entre os que sinalou a automoción.

Na súa intervención, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria tamén informou dos diferentes instrumentos que a Xunta puxo xa a disposición do empresariado, como a liña de préstamos de ata 200.000€ para pemes e autónomos, da que a Xunta bonifica o 100% dos intereses. Na provincia de Pontevedra xa se contabilizan 125 préstamos concedidos por un importe que mobiliza 7,5 millóns de euros.
Conde informou así mesmo das medidas incluídas no eido da prevención, cos diferentes protocolos de actuación consensuados cos principais sectores; os apoios para traballadores afectados por expedientes de regulación temporal de emprego; ou o Plan de Dixitalización, que vai mobilizar 40 millóns de euros. 

Entre as diferentes medidas aprobadas pola Administración autonómica, atópase tamén unha liña de axudas por 16 millóns de euros para que máis de 27.000 establecementos comerciais, do turismo, o sector servizos e o transporte, poidan instalar medidas de protección para traballadores e clientes. Este programa compleméntase coa campaña Comercio Seguro, que conta cunha plataforma en liña para que os comerciantes e autónomos poidan asesorarse sobre as medidas sanitarias a ter en conta.
Para informar e resolver dúbidas sobre estes e outros programas, activouse tamén Igape Responde, un novo servizo de información e asesoramento personalizado, que conta co teléfono gratuíto 900 815 151; e o correo electrónico igaperesponde@igape.es.