martes

Deputación. La nacionalista Ortega vuelve a enarbolar la bandera de San Simón

O Goberno a dous da Deputación de Pontevedra, a través da deputada do departamento de Memoria Histórica, María Ortega, uniuse hoxe á Iniciativa Galega pola Memoria (IGM) na reclamación ao Concello de Redondela dun plan de usos e actividades permitidas para a Illa de San Simón por estar declarada como BIC. A deputada da área nacionalista do bigoberno considera "urxente a elaboración do documento, cuxa ausencia permite que se celebren actividades irrespectuosas coa memoria das vítimas e as súas familias como o campamento pirata organizado pola empresa Barafunda para crianzas para o mes de agosto".

Ortega lembra que San Simón está declarada Ben de Interese Cultural (BIC) e que a Lei 5/2016 do 4 de maio, que regula o patrimonio cultural de Galicia, establece no seu artigo 35 que “a declaración de interese cultural ou a catalogación de calquera ben inmoble obrigará os concellos no territorio dos cales se localiza a incorporalo ao seu planeamento urbanístico xeral e a establecer as determinacións específicas para o seu réxime de protección e conservación”, así como que “o planeamento urbanístico establecerá un réxime específico que garanta a protección dos valores culturais dos bens inmobles incluídos no seu catálogo, cunha información detallada e unhas ordenanzas específicas que regulen as actividades e as intervencións compatibles cos devanditos valores culturais”.

Segundo a deputada, son moitos os anos nos que o Concello de Redondela, "desatendeu esta obriga facendo caso omiso das súas responsabilidades". Sinalou, ao mesmo tempo, a súa confianza co actual goberno local, do que salientou “é máis sensible coa memoria histórica”, e “entende a reivindicación dos colectivos memorialistas”.

Segundo a visión da deputada Ortega, o campamento que agora se anuncia "deturpa as propias características do Ben de Interese Cultural, xa que as actividades ‘piratas’ poderían realizarse en moitos outros lugares do país". Ortega volveu insistir que "é preciso declarar San Simón como illa da Memoria e aprobar un Plan cultural e educativo que poña en valor os feitos vividos no lugar, converténdoo nun punto de encontro entre xeracións sempre coa memoria histórica democrática como centro".

María Ortega