Tal e como explicou Conde, trátase de contar cunha estratexia conxunta “para trasladar medidas concretas ao Goberno de España que favorezan a competitividade e o desenvolvemento do sector no país nestes momentos de incerteza”. Deste xeito, segundo o conselleiro, o obxectivo é definir accións concretas e coordinadas por todas as administracións para dar resposta, certezas, seguridade xurídica e medidas de incentivo para incrementar a demanda e o consumo, pero tamén a competitividade da automoción española a través da I+D e das novas tecnoloxías.
Así, as comunidades autónomas que contan con industria da automoción nos seus territorios pretenden poder competir en igualdade de condicións que outros países europeos nos que xa se están adoptando medidas específicas para impulsar este sector: “Pedimos que se adopten actuacións coordinadas que dean resposta ás necesidades desta importante industria”, subliñou Conde.
Galicia pola súa banda seguirá ao carón da automoción -que supón 24.000 traballos directos e en 2019 alcanzou unha facturación de 9.700M€- apoiando tanto o desenvolvemento da innovación no sector como unha formación adaptada ás súas necesidades, co obxectivo de manterse como un referente.