A XUNTA TRASLÁDALLE AO MINISTERIO DE TRANSPORTES O DITAME DO CONSELLO CONSULTIVO QUE SINALA A NULIDADE DAS SUBAS DE PEAXE DA AP-9 E PIDE A CONVOCATORIA DA COMISIÓN SOBRE A AUTOESTRADA
Ethel Vázquez solicita que o Ministerio, titular da concesión da AP-9 revise “á maior brevidade” os reais decretos que sustentan as subas extraordinarias das peaxes como compensación das obras de ampliación
Advirte de que os incrementos extraordinarios das tarifas están a reducir a competitividade de Galicia e teñen un grande impacto na economía das familias
...................................
A Xunta de Galicia trasladoulle hoxe ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana o ditame do Consello Consultivo que declara “nulas de pleno dereito” as subas extraordinarias da AP-9. A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, dirixiuse hoxe por escrito ao secretario de Estado dese Ministerio, Pedro Saura, nunha misiva na que solicita, ademais, a convocatoria da comisión conxunta sobre a Autoestrada do Atlántico.
No escrito, a conselleira lembra que a AP-9 é a principal vía de comunicación de Galicia, pois vertebra o territorio no que vive o 60% da poboación da Comunidade Autónoma, polo que as subas extraordinarias de peaxes rexistradas nos últimos tempos teñen un importante impacto na competitividade e na economía das familias.
Ethel Vázquez expresa a “enorme preocupación” do Goberno galego por esta situación, que está a provocar unha perda de competitividade moi considerable para o territorio, na que medida en que encarece a mobilidade, provocando, ademais, o desvío de tráfico cara a estradas convencionais, coa conseguinte redución da seguridade viaria.
Lembra, ademais, que a Xunta xa alertou en diferentes ocasións ao Ministerio de Transportes de que consideraba “improcedentes” os reais decretos aprobados nos anos 2011 e 2018 nos que se sustentan as subas extraordinarias de peaxes da AP-9 como compensación polos investimentos realizados nas obras de ampliación da autoestrada.
Por ese motivo, a Administración autonómica dirixiuse ao Consello Consultivo de Galicia solicitando que ese órgano analizase desde unha perspectiva estritamente xurídica se eses reais decretos se axustan á legalidade, tendo en conta, tamén, os factores que sustentan o cálculo das compensacións e das subas extraordinarias das peaxes.
Ethel Vázquez pon en coñecemento do Ministerio de Transportes que a xuízo do Consello Consultivo de Galicia eses reais decretos son “nulos de pleno dereito”, así como as consecuencias derivadas da súa aplicación, indicando, ademais, que conteñen un “beneficio fiscal encuberto” a favor da concesionaria da autoestrada.
Dada a transcendencia dos feitos, a Xunta de Galicia considera necesario dar traslado dese ditame do Consello Consultivo ao Ministerio titular da concesión da AP-9, coa fin de que sexan revisados desde a súa orixe á maior brevidade posible.
Finalmente, a conselleira apunta a que a comisión sobre a AP-9, constituída no ano 2017 entre a Xunta e o Goberno de España demostrou ser “un foro de grande utilidade” e solicita a súa convocatoria para analizar de forma conxunta a situación arredor das subas extraordinarias das peaxes da AP-9.