Como “eixo central da actuación da Deputación de Pontevedra” situou a presidenta da Deputación de Pontevedra ao turismo, ao que considerou “un sector fundamental para a provincia” e para o que institución provincial elaborou un Plan de Reactivación dotado con máis de 3,5 millóns de euros. “Falamos dun plan que dá respostas ás necesidades do sector turístico da provincia ante a importancia de sumar esforzos entre o tecido empresarial e as distintas administracións”, asegurou Carmela Silva. A presidenta detallou ademais que se trata dunha iniciativa transversal con medidas concretas vertebradas en cinco eixos centrais: aspectos legais e financieiros; prevención, seguridade, saúde e hixiene; dixitalización e competitividade; fomento da demanda de produtos e servizos turísticos e promoción do destino Rías Baixas.
Carmela Silva destacou o carácter “participativo” do Plan de Reactivación do destino Pontevedra provincia, no que se involucraron concellos e o propio sector turístico, a través de enquisas, e que se completou coas conclusións da Mesa Provincial de Turismo, coa análise de tendencias e estudos de diferentes organizacións turísticas galegas, nacionais e internacionais, co obxectivo de “coñecer os datos para dar respostas rigorosas e serias”. Deste xeito, tal e como explicou a presidenta provincial, “detéctanse cambios importantes na oferta e na demanda, pola paralización da actividade e limitacións na mobilidade, a necesidade de liquidez das empresas, os propios ERTE, a crise de confianza, os novos hábitos de consumo e a perda de poder adquisitivo das familias”. Un contexto que apunta “a centrarse na saúde, hixiene e seguridade; nos ODS, na innovación e dixitalización e no turismo de experiencias asociado á natureza a sustentabilidade”. Ao respecto, a presidenta fixo fincapé no incremento da venda online con flexibilidade, na seguridade e confianza no transporte público e na necesidade de crear un modelo de xestión e gobernanza turística coordinado a nivel local, nacional e europeo.
Ademais, o Plan de Reactivación detecta fortalezas e necesidades do sector turístico na provincia de Pontevedra como a necesidade de reforzar a marca Rías Baixas como destino seguro, a importancia de garantir a viabilidade e supervivencia do tecido empresarial e do emprego, a potenciación e competitividade das persoas traballadoras e empresas e o impulso da demanda e do turismo de proximidade. Tamén contempla catro posibles escenarios, dende un escenario optimista, a un central, de recuperación e de posible rebrote. Ao respecto, aínda que se trata dun documento vivo coa finalidade de adaptarse ás situacións que se poidan dar en cada momento, o Plan parte do escenario central que, segundo a presidenta da Deputación, “agarda unha recuperación rápida do turismo nacional e unha recuperación lenta do internacional, cunha caída de visitantes no 2020 do 53,96% e no 2021 do 22,51%”.
En base ao anterior, establécense cinco eixos centrais para reactivar o destino Pontevedra provincia: os aspectos legais e financieiros; a prevención, seguridade, saúde e hixiene; a dixitalización e competitividade; o fomento da demanda de produtos e servizos turísticos e a promoción do destino Rías Baixas. Nestes cinco eixos, tal e como informou a presidenta provincial, enmárcanse medidas, iniciativas e actuacións, “moitas delas xa en marcha”.
En canto a aspectos legais e financieiros, Carmela Silva detallou que “imos demandar tanto da Xunta de Galicia como do Goberno do Estado que garantan a solvencia financieira, legal e fiscal das empresas porque o sector turístico é fundamental”. Ao respecto, a presidenta puxo como exemplo medidas xa postas en marcha pola Deputación de Pontevedra como o aprazamento de taxas municipais, o fraccionamento dos tributos, o fomento da liquidez nas empresas, a elaboración de guías informativas e webinars relacionados coa tramitación de ERTEs, bonificacións ou axudas a persoas autónomas.
No que respecta á prevención, seguridade, saúde e hixiene, Silva destacou os diferentes plans e protocolos de garantía sanitaria adoptados tanto nas oficinas Info Rías Baixas, como nos castelos ou nos Museos. Neste eido tamén recordou as videoconferencias informativas, a Comisión Técnica de asesoramento creada pola institución provincial ou o apoio a festivais de cinema e audiovisuais para que poidan desenvolverse garantindo a seguridade.
Pola súa banda, na dixitalización e competitividade enmárcanse actuacións encamiñadas a converter ás TIC en ferramentas de xestión do sector turístico, tanto para os concellos como para o sector privado. Neste eido, a presidenta mencionou o deseño do novo Plan Estratéxico de Turismo 2021-2023; o esforzo en formación, asesoramento en materia de dixitalización e competencia; a organización de xornadas centradas nas ferramentas tecnolóxicas; os programas de aceleración empresarial e convocatorias abertas de innovación; a creación de novos produtos, servizos e experiencias; o fomento da vixilancia tecnolóxica mediante o desenvolvemento de estudos periódicos e análise big data e o lanzamento do proxecto Tourist Inside, que contempla, entre outras cuestións, a xeración de contidos dixitais, un sistema de sinalización turística intelixente, un proxecto piloto de praia intelixente e un centro dixital de benvida nas oficinas da rede Info Rías Baixas.
En canto ao fomento da demanda de produtos e servizos turísticos na provincia, Carmela Silva destacou a posta en marcha de accións para reactivar o consumo local e estimular a atracción de turistas en todas as comarcas da provincia. Para elo, tal e como detallou a presidenta, vanse lanzar actividades culturais, levando, por exemplo, música a espazos públicos da provincia; accións relacionadas co turismo de natureza, ocio e posta en valor do patrimonio cultural; visitas teatralizadas e roteiros; programas como as Depoandainas, as DepoRutas BTT ou Deporienta; a creación de novos produtos; rutas autoguiadas ou accións de turismo sostible como os bosques terapéuticos.
No que respecta á promoción do destino Rías Baixas, a presidenta provincial adiantou que se vai impulsar un paquete de comunicación e comercialización a nivel galego e nacional, así como tamén en Portugal, cunha campaña “ligada á proximidade e centrada na promoción da provincia como destino seguro, de natureza, de cultura e onde desfrutar con toda a confianza”.
Datos xerais sobre o sector turístico e incidencia da Covid-19
Carmela Silva puxo en valor a importancia do sector turístico en España, destacando que “somos o segundo destino internacional” e que en Galicia, onde o turismo representa o 10,4% do PIB, hai máis de 200.000 empresas e 123.722 persoas ocupadas. A presidenta tamén asegurou que na comunidade autónoma é a provincia de Pontevedra “a que ten un maior peso no eido do turismo”. En canto ás cifras, a provincia de Pontevedra acolleu, o ano pasado, a 1,7 millóns de persoas viaxeiras das cales o 80,3% eran residentes en España. Neste eido, Silva fixo fincapé na importancia de “dirixirnos aos mercados de proximidade, xa que vai ser a primeira saída para o sector turístico”.
No que respecta á incidencia da Covid-19 no turismo, o estudo realizado no marco do Plan de Reactivación do destino Pontevedra provincia, no que participaron 200 empresas das diferentes comarcas da provincia, destaca que o 47% delas tiñan menos de 6 persoas traballadoras; o 86% das empresas tiveron que deter a súa actividade por completa e soamente un 13% puido manter o 25% da actividade; o 29% tivo que acollerse a un ERTE de forza maior e o 25% por causas produtivas.
Sobre as perspectivas de cara ao segundo semestre do 2020, aínda que a día de hoxe –tal e como subliñou Silva- “son máis positivas”, o 40% cren que terán menos dun 25% de actividade, un 37% entre un 25-50% de actividade e un 17% que non poderán renovar a súa actividade. As empresas sinalan, ademais, que ampliarán as medidas de prevención, seguridade e protección, reorientarán os seus produtos e servizos e incrementarán a dixitalización de canles de venda. Tamén, a través das enquisas, fixeron fincapé na necesidade dunha maior coordinación entre administracións para a promoción de novos produtos e servizos de proximidade.