sábado

Vía libre á conexión dos edificios centrais do Museo de Pontevedra mediante un grande soto

Vía libre á conexión dos edificios centrais do Museo de Pontevedra mediante un grande soto. Os resultados do estudo xeotécnico realizado pola empresa Galaicontrol para garantir a viabilidade da obra confirman que é posible tecnicamente: os ensaios de campo garanten que o terreo é favorable para a realización do proxecto tanto pola súa tipoloxía como por non ser colapsable nin expansivo, entre outros aspectos. 

As conclusións do informe solicitado pola Deputación indican que nas sondaxes xeotécnicas, os penetrómetros, os ensaios de laboratorio e a inspección do terreo certificouse que se trata dun terreo de recheo: granítico e de formigón nos primeiros metros de profundidade, e de áreas limosas de compacidade media a densa-moi densa entre os 6,60 e os 9,70 metros. No que se refire á profundidade na que se atopou auga nas sondaxes, o nivel freático apareceu a cotas topográficas de entre 8 e 10 metros, polo que se recomenda algún sistema de drenaxe ademais dunha boa impermeabilización dos muros do futuro soto. 

O estudo xeolóxico tamén subliña que non é preciso tomar ningunha medida especial na execución das estruturas segundo a Norma de Construción Sismorresistente, e tampouco no relativo a un posible colapso ou derrubamento. Tamén se sinala que se trata de terreos e augas non agresivos ao formigón, e que tanto os materiais como os solos residuais son susceptibles de ser excavados con medios convencionais, é dicir, simplemente con excavadoras potentes.

En canto ás medidas de contención, dada a existencia de edificacións e rúas onde se prevé a excavación, e tendo en conta a magnitude do baleirado a realizar, recoméndase a construción dunha pantalla perimetral con estruturas metálicas que aseguren a súa estabilidade. 

Unha vez coñecido o resultado positivo das prospeccións nos perfís exteriores dos edificios Castro Monteagudo, García Flórez e Fernández López, así como dos espazos públicos existentes entre eles ábrese o camiño para a redacción do proxecto definitivo.

A mellor alternativa
A construción dun soto que unise os tres edificios centrais do Museo é, segundo defende o vicepresidente César Mosquera, a mellor alternativa para solucionar os problemas de espazo e accesibilidade dos inmobles da institución, xa que se crean 1.900 metros máis de superficie construída en dous niveis de soto e gáñase en funcionalidade ao redistribuír os 1.945 metros de superficie actual.
O arquitecto e asesor provincial Jesús Fole foi o autor da proposta de rehabilitación, que está inspirada na solución adoptada polo Louvre en París.  Unha vez rehabilitado o conxunto de edificios do Museo na contorna da Praza da Leña, o público entrará a través dun acceso único polos soportais inferiores do edificio Fernández López en nivel O, nunha zona de 250 metros cadrados. Logo poderá pasar ao soto no nivel -1, que será compartido entre os edificios Castro Monteagudo e Fernández López, e despois baixar ao soto nivel -2, compartido para edificios García Flórez e Castro Monteagudo. Esas plantas estarán comunicadas cun novo ascensor a construír na torre do edificio Castro Monteagudo, por onde se chegará a un novo miradoiro dende onde se observarán os campanarios de Santa María e San Bartolomé. “Esta rehabilitación é complexa pero factible: unha verdadeira obra de enxeñería avanzada”, cualificou o arquitecto.