Editors Choice

3/recent/post-list

Ad Code

Responsive Advertisement

Recent in Technology

Para poner en marcha un "plan de acción local", crean una comisión técnica para asesorar a los Concellos

A iniciativa aprobouse no Comité de Seguimento da Covid19 coa unanimidade de todos os grupos e co respaldo do portavoz do PP Jorge Cubela

A DEPUTACIÓN CREA UNHA COMISIÓN TÉCNICA PARA ASESORAR AOS CONCELLOS CARA A POSTA EN MARCHA DUN PLAN COORDINADO DE ACCIÓN LOCAL POLO COVID-19

O equipo técnico de alto nivel asesorará aos concellos en cuestións tan relevantes como competencias municipais, normativas, limitacións de espazos públicos, medidas tributarias ou distanciamento social 

Acordo do Comité de Seguimento do COVID-19 para a creación por parte da Deputación de Pontevedra dunha Comisión Técnica para a Asistencia Municipal, que servirá para asesorar aos concellos nas dúbidas sobre competencias e actuacións a desenvolver na nova normalidade tralo COVID-19.
Esta Comisión, que xorde pola necesidade que os concellos, especialmente os 59 de menos de 50.000 habitantes, teñen “de apoio técnico para tomar decisións intelixentes”, constitúe o primeiro paso para a posta en marcha dun plan coordinado de acción local na provincia, impulsado pola Deputación trala crise. A presidenta subliñou que a iniciativa “é froito do acordo dos grupos, de feito aprobouse por unanimidade e co respaldo do voceiro da oposición, Jorge Cubela, e dará resposta ás demandas que moitas alcaldesas e alcaldes nos plantexaron tras as reunións mantidas”.

Deste xeito, a comisión, que é paritaria e reúne a sete funcionarios e sete funcionarias de alto nivel da Deputación, ofrecerá información aos concellos sobre os asuntos máis “relevantes” que trala crise do COVID “afectan a todas as políticas sociais e económicas”, desde os que se refiren á materia orzamentaria ou os relativos ás limitacións no acceso aos espazos públicos e o distanciamento social. Neste senso, subliñou a “especial importancia” que terá este novo órgano que desenvolverá dúas funcións esenciais. Dunha banda, asesorará aos concellos en aqueles ámbitos da súa xestión e competencia, garantindo a asistencia e a cooperación xurídica e técnica “en todas as cuestións vinculadas a xestión tanto ordinaria como extraordinaria provocada polo COVID19”. No marco desta primeira función crearase un espazo web no que periodicamente se subirán “todas as consultas feitas polos diferentes concellos  e as súas correspondentes respostas para que, dun xeito global, poidan ser usadas por outras entidades e se convertan en boas prácticas”. 

“A comisión vai asesorar por exemplo _sinalou_ sobre como se poden facer as modificacións orzamentarias, que van ter que facer todos os concellos; sobre cales son as competencias en materia municipal que a lei lles permite e cales son as doutras administracións, para que poidamos pedirlles que as asuman con recursos. E cuestións que teñen que ver con liñas de subvencións, actuacións en cemiterios, limpeza viaria, limpeza de edificios públicos, desenvolvemento de feiras e mercados, lonxas ou comercio ambulante”. Tamén ofrecerá consello, engadiu, “sobre todo o que teña que ver con materia impositiva, o que lles permite ou non a lei” e cuestións relacionadas co uso do espazo público, “e como garantir o distanciamento social”. “Hai por exemplo viarios que teñen dous metros de ancho. Entón, como podemos cumprir que haxa ese distanciamento? _engadiu a presidenta_. Nós imos asesorar sobre eses temas, e as que teñen que ver con urbanismo, parques públicos, xardíns, nova organización de terrazas, de praias, na distribución de espazos de accesos e moitas máis cousas”.    

“Un documento vivo”
A outra función esencial que terá a comisión será a elaboración “dun documento de carácter dinámico e vivo, en colaboración cos concellos, que recolla todas as medidas e estratexias que se realizarán en cada un dos ámbitos de competencia municipal que se poidan ver afectados polo COVID-19, tendo en conta que vai cambiar a normativa, as instrucións, ordes e recomendacións que se vaian ditando”. “Por tanto _manifestou Carmela Silva_ teremos que ir modificando ese documento para que poida ser usado polos concellos”. Neste senso, a presidenta explicou que aínda que a vixencia inicial da comisión é ata decembro deste 2020, “creo que vai quedar de forma estrutural”.

Coordinada polo responsable do Servizo de Asitencia Intermunicipal da Deputación, Gabriel Rodríguez Alonso, e co respaldo do secretario da corporación, a comisión a integra persoal dos servizos de Intervención, Recursos Humanos, Cooperación, Arquitectura, Riscos Laborais, Servizos Sociais, Infraestruturas, Mobilidade, Contratación, Revitaliza e I+D+I, Igualdade e o ORAL, que resolverá dúbidas sobre tributos, taxas e prezos públicos. Silva fixo extensivo o seu agradecemento a todos e todas as súas integrantes, “porque todos e todas aceptaron e este é un traballo engadido ao que xa teñen, que aumentou moi substancialmente polo COVID-19”.



Publicar un comentario

0 Comentarios

Ad Code

Responsive Advertisement