Este
sabado 23 de maio tomou posesión a nova Xunta de Goberno do Colexio
Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG), encabezada por Francisco
X. González Sarria. Por primeira vez, en correspondencia coa realidade
da profesión, a meirande parte dos membros da Xunta de Goberno son
mulleres, representando máis do 60% deste órgano.
Debido
á actual crise sanitaria da Covid-19, a toma de posesión realizouse de
maneira telemática e non puido ter lugar o tradicional acto de
investidura. En calquera caso, en canto as circunstancias o permitan, o
Colexio de Xornalistas vai celebrar un acto público no que se presente o
novo órgano de goberno ao conxunto da profesión.
Entre
os asuntos tratados pola nova Xunta de Goberno na súa primeira reunión
destaca a formalización de comisións de traballo que permitan axilizar e
mellorar a actividade do Colexio de Xornalistas. Estas
comisións, que están en poceso de formalización, abordarían cuestións
como Universidade, Formación, Igualdade, Deontoloxía Profesional ou
Gabinetes de Comunicación. Ademais, acordouse enviar unha carta aos
distintos candidatos que concorrerán ás eleccións autonómicas do
vindeiro 12 de xullo para expresarlles as necesidades da profesión
xornalística en Galicia. Por último, a nova Xunta de Goberno expresou a
súa preocupación pola situación dos medios públicos galegos, logo de que
o Comité Intercentros denunciara a presunta utilización partidista dos
servizos informativos.
Francisco X. González Sarria fixo referencia ás actuais circunstancias no seu discurso de toma de posesión
como decano: "Nunca imaxinamos que chegariamos a este 2020 inmersos
nunha crise desta magnitude" na que os medios solicitan ERTEs que en
ocasións priman "as súas contas de resultados por riba do labor esencial
do xornalismo" e "no que asomaron novamente o morbo e o sensacionalismo
nalgunhas publicacións". Ante iso, asegurou, "volve facerse patente a
necesidade dun Colexio que represente a profesión en Galicia e
reivindique os valores que nos caracterizan como traballadores esenciais
para unha sociedade libre", polo que fixo un chamamento "á
responsabilidade que asumimos ao considerármonos xornalistas e a
exercermos como tales".
A nova Xunta de Goberno
A nova Xunta de Goberno
é o resultado do proceso electoral convocado o pasado 20 de marzo. Ao
terse presentado unha única convocatoria en tempo e forma o día 15 de
abril ás 19:00 horas, e non recibir ningunha reclamación, esta
candidatura foi proclamada como definitiva o 21 do mesmo mes. Encabezada
por Paco Sarria, a nova Xunta conta coa novidade de ter tres
vicedecanías, de acordo co permitido pola reforma dos estatutos do
Colexio de Xornalistas. Sonia Vizoso Pérez será a vicedecana 1ª, Belén
Regueira Leal a vicedecana 2º e Xosé Manuel Pereiro Sánchez, vicedecano
xa na anterior Xunta de Goberno, ocupa neste caso a terceira
vicedecanía. Darío Janeiro Pereira repite cargo como secretario e Ángela
Fernández Casal será a tesoureira.
As
vogalías ocupadas por María Bragado Paz, Valeria Pereiras Reza, Marcos
Sanluis López, Xaime Leiro Darriba, Xaime Conde Guillade, Eliana Martíns
Alvela, Ana González Liste, Mónica Rosas Conde, Belén López Rodriguez e
Matilde Vázquez Rojo completan a nova Xunta de Goberno que rexirá o
Colexio de Xornalistas até o 2024.
Paco González Sarria
Paco González Sarria naceu en Puente de Domingo Flórez (León) en 1962. Comezou
a súa longa carreira xornalística na desaparecida Ondas Galicia en
Ourense. Posteriormente, foi xefe de informativos en COPE-Ourense e
delegado da TVG nesa provincia. Exerceu tamén labores de redactor e correspondente en La Voz de Galicia, Faro de Vigo, El Correo Gallego, Cadena Rato, Agencia EFE, El País e colaborou con medios como Público. En 1991 puxo en marcha o proxecto radiofónico Radio Miño, vencellado a Onda Cero. Actualmente
é coordinador de redacción e contidos en Onda Cero-Ourense. É vogal da
Xunta de Goberno do CPXG dende a súa fundación e xa foi decano entre
2016 e 2020.
Mandato 2016-2020
A
Xunta de Goberno saínte tivo unha importante actividade durante o
mandato 2016-2020, con iniciativas entre as que se poden destacar a
posta en marcha dos obradoiros de Xornalismo na Escola "la Caixa" e da
bolsa Nacho Mirás, a constitución da Rede de Colexios Profesionais de
Xornalistas, a celebración da xornada Desinformación e ameazas á liberdade de expresión, o documento InformaDor
realizado en colaboración co Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia,
a actualización dos Estatutos do CPXG á lexislación vixente ou as
diferentes campañas do 8 de marzo e o 25 de novembro. Ademais diso, o
Colexio de Xornalistas continuou co seu labor en defensa dos xornalistas
e do dereito da sociedade galega á liberdade de prensa, a través dos
seus comunicados, denuncias, pronunciamentos e recursos de amparo.
O
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia é unha entidade de
dereito público, creada pola lei 2/1999 do 24 de febreiro polo
Parlamento de Galicia, que ten a representación legal de todos os
xornalistas galegos. Actualmente conta con máis de 1.100 colexiados/as
repartidos polas súas sete demarcacións (A Coruña, Ferrol, Lugo,
Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela e Vigo).
![]() |
Francisco González Sarria, decano do CPXG |