No caso da Liña 1 de Investimentos son sete novas achegas por 1.155.142,85 euros, que irán destinadas aos concellos de Gondomar, Caldas de Reis, O Grove, Nigrán, Redondela e Salvaterra de Miño. A maioría van a estar dedicadas á mellora e urbanización de camiños, saneamento e incluso á adquisición dun aparcadoiro. Do mesmo xeito, as subvencións tamén irán destinadas ao acondicionamento do paseo marítimo de Panxón, en Nigrán, á pavimentación de diferentes espazos en Redondela, á rehabilitación do antigo edificio do concello de Salvaterra de Miño que se vai reconverter nunha biblioteca, e ao acondicionamento do complexo de Pozas da Tafona, en Caldas de Reis.
Doutra banda, no que atinxe á Liña 2, a Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aproba un investimento de 253.281,58 euros que beneficiará a oito concellos: Agolada, Baiona, Cerdedo-Cotobade, A Guarda, Lalín, O Rosal, Salceda de Caselas e Vilanova de Arousa. As achegas irán destinadas, entre outras cousas, ao pago de gastos correntes e á realización de obradoiros e actividades teatrais, musicais e deportivas.
Doutra banda, a Xunta de Goberno aprobou a modificación de dúas achegas da Liña 3 de Emprego concedidas aos concellos do Rosal e Cambados. Os municipios solicitaron estes cambios para realizar reaxustes nas categorías, duración e orzamento das contratacións debido á situación derivada da crise sanitaria producida polo COVID19.