El Concello refuerza las Ayudas de Emergencia Social Municipal

A concelleira de Benestar Social do Concello de Pontevedra, Paloma Castro, tramitou unha modificación de crédito destinada a reforzar con outros 100.000 euros as Axudas de Emerxencia Social Municipal, para as que xa existía unha consignación de 100.000 euros. Deste xeito, o departamento que dirixe a socialista pasará a dispoñer de 200.000 euros tanto para o conxunto das Axudas de Emerxencia como para dar resposta ás propias necesidades e situacións de vulnerabilidade derivadas da crise sanitaria da Covid-19, un propósito este último para o que a Xunta de Goberno local aprobou hoxe unha liña específica de subvencións en especie dotada cunha primeira achega de 30.000 euros.

Segundo explica Paloma Castro, a modificación de crédito foi posible grazas á mobilización de 100.000 euros procedentes dos 347.000 asignados nos Orzamentos á Renda Social Municipal. “Ata a data -aclara a edil do PSOE- só se presentaron cinco solicitudes para a Renda Social, polo que, cos 247.000 euros que quedan, temos marxe de sobra para cubrir este ámbito”.

Tal e como sinala, a nova liña de axudas pretende atender á provisión de produtos e bens de primeira necesidade para situacións de urxencia social como consecuencia da crise sanitaria. As subvencións financiaranse con cargo ás Axudas de Emerxencia Social (que agora contan cun fondo de 200.000 euros) e, se ben a achega inicial é de 30.000 euros, a cantidade podería incrementarse se fora preciso en función das problemáticas que vaian xurdindo.

“O obxectivo destas axudas -subliña Castro- é atender ás situacións de necesidade sobrevidas para aquelas persoas e/ou unidades familiares que, por mor da urxencia sanitaria, visen alteradas substancialmente as súas condicións de vida, en particular, aquelas que teñen que ver coa insolvencia e a carencia de medios propios para a provisión de alimentos e outros produtos de primeira necesidade”.

O outorgamento das subvencións producirase por réxime de concesión directa, entendendo que o contexto derivado da pandemia cumpre co requisito de excepcionalidade e que, polo seu carácter urxencia social, queda acreditada a súa dificultade de tramitación mediante procedemento de concesión ordinaria (coa súa convocatoria pública).

Requisitos e criterios
Para converterse en beneficiarios destas axudas, as persoas físicas e/ou unidades familiares deberán dispoñer dun informe técnico que determine a necesidade da intervención e onde se faga constar que se esgotaron ou non existen tódolos recursos. Entre os criterios de valoración que se terán en conta contémplanse a presencia de menores no núcleo familiar; a existencia de problemáticas socio-familiares que impidan a provisión de alimentos e bens de primeira necesidade, e situacións de desemprego e ausencia de ingresos económicos suficientes para atender á cobertura das necesidades básicas.

A liña de subvencións en especie comprenderá o acceso a produtos alimenticios e artigos de hixiene persoal e doméstica. A contía da achega económica quedará determinada do número de membros que compón a unidade familiar e da existencia de menores na mesma: unha persoa, 100 euros ao mes; máis dunha persoa (non menores), 150 euros ao mes; familias compostas de ata dous menores, 200 euros, e familias con tres ou máis menores, 250 euros.
Paloma Castro aclara que, se ben a presente convocatoria cubrirá aquelas situacións sociais producidas entre a entrada en vigor do estado de alarma e o 31 de decembro de 2020, “unha vez que o Servizo de Benestar Social avalíe a necesidade de que as axudas continúen vixentes, rematado o prazo inicial e tendo en conta a existencia do crédito habilitado ao efecto nos orzamentos do Concello de Pontevedra para o ano 2021”.