sábado

Aumenta la indignación, se extiende la protesta...

As principais pontes de conexión entre Pontevedra e o Norte de Portugal mostran pancartas reivindicativas do AECT Rio Minho para visibilizar a indignación da cidadanía da ‘raia’

Rexedores e rexedoras galegas e lusas aseguran que “a inacción” das administracións competentes “esgotou a súa paciencia”

AS ALCALDÍAS DAS BEIRAS DO MIÑO REÚNENSE ESTE LUNS PARA CONCRETAR “ACCIÓNS DE PROTESTA CONTUNDENTES E INMINENTES” COAS QUE RECLAMAR A APERTURA DE PASOS E APERTURA FINAL DA FRONTEIRA


Alcaldes e alcaldesas da fronteira do Miño esgotaron a paciencia. Este luns, tal e como tiñan anunciado esta semana, as e os mandatarios de A Guarda, O Rosal, Tomiño, Tui, Salvaterra, As Neves, Arbo, Crecente, Caminha, Cerveira, Valença, Monçao e Melgaço, xunto co AECT Rio Minho reuniranse para concretar as accións de protesta que desenvolverán de maneira conxunta e inminente despois de que o ultimátum para a apertura de máis pasos fronteirizos con Portugal non fose atendido. 

Como paso previo ás mobilizacións que se realizarán nesta semana que entra, o AECT Rio Minho vén de colocar nas principais pontes entre Pontevedra e Portugal pancartas solicitando a reapertura dos pasos fronteirizos. O obxectivo destas faixas (colocadas nas varandas e nos valados que cortan a circulación nos viadutos) é facer visible a indignación de toda a cidadanía da ‘raia’, que en moitos casos está obrigada a dar rodeos de ata 200 quilómetros para acudir aos postos de traballo, e ademáis ve como non ten público nos seus negocios, e sufre de separación social a pesares de que no día a día habitual a súa relación é tan estreita como se vivisen dentro dun mesmo municipio.

Como xa dixeran as e os rexedores das Eurocidades do Miño, nestes momentos o territorio está totalmente asfixiado, e non se entende como, a pesares da singularidade das relacións (é o treito de fronteira con máis mobilidade entre ambos estados e o que suma máis poboación), as administracións competentes non teñen movido ‘ficha’ e flexibilizado o peche dos pasos. A gota que vén de colmar o vaso, segundo explica o director do AECT Rio Minho, Uxío Benítez, foi o anuncio da apertura doutros tres pasos a partires do vindeiro luns a nivel estatal, un deles en Ourense/Tras-Os-Montes, entre os municipios de Tourém e Calvos de Randín, onde a veciñanza poderá circular sen restricións en determinados días e franxas horarias.

“Como é posible que se abran pasos noutros lugares, e na franxa máis activa social e economicamente falando sigan e sigan as limitacións nun momento no que a situación sanitaria é xa moito mellor e igual en ambas marxes do río? As consecuencias económicas están a ser incalculables”, subliñou Benítez. O deputado provincial, en contacto directo con todos e todas as alcaldesas destaca que o sentir dos mandatarios é de “total frustración” ante a ausencia de resposta as suas reivindicacións.
Benítez manifestou o apoio total ás reividicacións que onte realizaron o alcalde de Tui e o presidente da Câmara de Valença pedindo a apertura peonil da ponte vella. Destacou que ambos rexedores estarán presentes tamén nas protestas conxuntas que se desenvolverán esta semana.

Hai que lembrar que o AECT iniciou as reclamacións da apertura de pasos coa sinatura dunha declaración formal o pasado 28 de abril por parte das alcaldesas e alcaldes da raia. O documento foi remitido ao goberno central e ás delegacións, á Xunta, así como a diversas entidades co fin de buscar solucións inmediatas para a grave situación socioeconómica. O AECT Rio Minho, personalizado no seu director, Uxío Benítez, e no seu vicedirector, reuniuse nos días pasados co propio delegado do Goberno en Galicia.