A presidenta da Deputación de Pontevedra Carmela Silva presidiu esta mañá a reunión telemática da Mesa Provincial do Turismo, durante a cal deu conta da posta en marcha do Estudo de Impacto do COVID19 no sector turístico, “cara a poder activar con decisións serias o Plan de Reactivación do destino Rías Baixas –Pontevedra Provincia”. Trátase do primeiro estudio rigoroso sobre as consecuencias da situación no sector do que en maio se coñecerán as primeiras análises e medidas a adoptar. “Somos conscientes das dificultades e do enorme interese do sector turístico para esta provincia”, asegurou a presidenta, ao tempo que amosou o seu orgullo pola vontade do sector público e privado de colaborar conxuntamente para saír da situación e o seu optimismo pola posición que mantemos con respecto a outros destinos”
Silva instou “á cooperación público-privada para saír desta crise” e ofreceu o seu compromiso “para colaborar con outras administracións e demandar que lideren o apoio ao sector atendendo as súas competencias”. Na Mesa participaron representantes do sector público e privado da provincia, entre eles e elas, a Directora de Turismo da Xunta de Galicia, o alcalde de Baiona e representantes dos concellos de Cangas, Pontevedra e Sanxenxo, a presidenta da Mancomunidade do Salnés e Alcaldesa de Meis, representantes do GALP Ría de Vigo e Ría de Pontevedra, representantes da Ruta do Viño, o presidente do Clúster de Turismo, o presidente de FEPROHOS, a presidenta de AVITURGA, o presidente de AGAVI, a directora do aeroporto de Vigo e os directores dos Centros Integrados de Formación Profesional Manuel Antonio e Carlos Oroza.
Carmela Silva detallou o Plan de Reactivación do destino “que ten por obxectivo recompilar e analizar todos os estudos que neste eido se están a realizar a nivel local, autonómico, nacional e internacional, partindo de datos estatísticos e escoitando ao sector público-privado. A presidenta detallou que se desenvolverá unha enquisa online para coñecer a situación, perspectivas e necesidades das empresas e entidades implicadas, entrevistas e grupos de traballo con axentes clave para contrastar a información, así como tamén unha análise DAFO. Desta análise preliminar, deseñarase unha long list cunha serie de accións ou medidas posibles para levar a cabo na provincia de Pontevedra que serán debatidas a través de grupos de traballo cos axentes clave do sector turístico. Posteriormente, tras ter escoitado ao sector, establecerase xa as accións concretas, nunha short list, para aplicar na provincia, saír da situación de paralización e reactivar o turismo. Segundo explicou a presidenta, a principios de maio estará xa realizada a análise e os listados coas iniciativas a poñer en marcha.