Ence e o sector da celulosa comprométense a impulsar unha recuperación verde en Europa, tras a crise creada polo COVID-19Ence, como compañía membro da Confederación de Industrias Papeleiras Europeas (CEPI, polas súas sigas en inglés), subscribe e apoia decididamente a Alianza Europea para unha Recuperación Verde. Trátase dun compromiso conxunto para impulsar solucións ecolóxicas e sostibles na estratexia da Unión Europea para a recuperación tras a crise sanitaria causada polo coronavirus.
O cambio climático e a defensa da biodiversidade son os alicerces das políticas que esta alianza pretende promover e implantar no territorio comunitario. Os asinantes do manifesto comprométense a participar na loita e na vitoria destas dúas batallas simultáneas: a sanitaria e a climática.
O sector da celulosa e o papel está decididamente implicado no impulso da excelencia ambiental, a bioeconomía e o crecemento sostible. A CEPI, e os seus membros en toda Europa, entre eles Ence, apoia con determinación esta Alianza Europea para unha Recuperación Verde.
A iniciativa foi presentada por Pascal Canfin, presidente da Comisión de Medio Ambiente do Parlamento Europeo. O seu manifesto está apoiado por 180 responsables políticos, directivos de grandes multinacionais, sindicatos, ONG e expertos.
Todos eles acordaron traballar xuntos para crear, apoiar e implementar investimentos que permitan a recuperación económica tras a crise causada pola pandemia, mantendo ao mesmo tempo a loita contra o cambio climático como alicerce crave da estratexia da Unión Europea en materia económica. Preténdese a mobilización de paquetes de investimento verde, para “preparar as nosas economías para o mundo de mañá”, tal e como recolle o manifesto.
A procura dunha sociedade neutra en carbono e o avance cara a unha transición ecolóxica xusta son un eixo fundamental do modelo de negocio de Ence, unha compañía comprometida firmemente coa loita contra o cambio climático.
A compañía atópase inmersa, do mesmo xeito, no desafío sanitario, económico e social que supón a pandemia do Covid-19. Ence mantén, grazas á súa actividade, a subministración de celulosa, para a produción de material hixiénico e sanitario, así como de enerxía, para prestar servizo a fogares e centros médicos e asistenciais.
Para garantir a súa continuidade, tanto as biofábricas de Ence en Pontevedra e Navia (Asturias) como as diferentes plantas de enerxía renovable da compañía continúan en marcha, extremando as medidas de seguridade para evitar calquera risco de contaxio entre os seus traballadores.