A equipa educativa vén de subir á web museo.depo.gal novas actividades coas que coñecer a varias das autoras da mostra e facer manualidades
O MUSEO CONVIDA Á RAPAZADA A ‘ACHEGAR’ Á SÚA CASA PEZAS DA EXPOSICIÓN ‘DEBUXANTAS, PIONEIRAS DA ILUSTRACIÓN’
O Museo de Pontevedra segue a aumentar a súa oferta de actividades para facer na casa e no día de hoxe difundirá na súa páxina web (museo.depo.gal) unha iniciativa para que a rapazada coñeza máis fondamente a algunhas das autoras da exposición ‘Debuxantas, pioneiras da ilustración’ e mesmo transforme pezas da mostra de maneira personalizada.
A proposta, enmarcada dentro da iniciativa ‘O Museo en Familia’, consiste en facer diversas manualidades con varias das ilustracións que estes días colgan nas salas do Museo sen que ninguén as poida visitar presencialmente. A primeira actividade é crear portalapis ou caixas personalizadas con debuxos de tres ilustradoras (a.t.c., Viera Sparza e Xelia) con materiais sinxelos: é preciso imprimir os modelos a disposición na páxina web do Museo os modelos, colorealos, recortar a silueta e dobrar as pestanas para despois encolalas e unilas.
Por outra banda, tamén se propón achegar á casa dúas pezas da ilustradora Ana María Badell Lapetra (Santander, 1932-2014) para darlle vida coloreándoas con colores propios diferentes ás da creadora. Esta muller, a pesares do seu talento, só puido desenvolver as súas capacidades artísticas a través da ilustración debido ao momento no que lle tocou vivir, no que non estaba ben visto que as mulleres foran artistas. Escribiu varios libros e contos, entre os que destacan os de ‘Quinita la trapisonda’, que ela mesma ilustrou e que foron publicados pola revista Blanco y Negro entre 1958 e 1959 e hoxe se conservan no Museo ABC. Os debuxos que se propoñen para dar color son os titulados como ‘Quinita va a ver a su abuela’ e ‘Jaula de fieras’, ambos de 1958.
A exposición ‘Debuxantas, pioneiras da ilustración’ exposta no Museo de Pontevedra contén 136 obras de 40 mulleres artistas que traballaron para a revista Blanco y Negro e ABC dende a súa fundación en 1891 ata 1903, respectivamente, ata finais dos anos 90 do século pasado. Unha das curiosidades desta mostra é que a palabra ‘debuxanta’ non está recollida agora no diccionario da RAG nin ‘dibujanta’ no diccionario da RAE, pero escolleuse en memoria do ‘I Salón de Dibujantas’ que tivo lugar en Madrid en 1931 organizado polo Lyceum Club feminino da cidade.
A pesares dos contactos da dirección do Museo para poder prolongar a mostra máis alá da súa data de peche inicial en Pontevedra -a finais deste mes de abril- o máis probable é que non sexa posible. Xa existen outros destinos axendados para a exposición noutras localidades a partires do mes de maio, e todo indica que a situación de confinamento pola crise sanitaria actual será prolongada máis alá do previsto e a apertura de espazos públicos realizarase de maneira paulatina, o que impediría unha ampliación para o público da cidade do Lérez.