Fernández Lores tamén informou que, toda vez que a semana pasada se reanudou a actividade municipal administrativa coa celebración da comisión de Urbanismo, se seguirán convocando as demais comisións. Fixo especial referencia á de Réxime Interior, prevista para a vindeira semana, na que se abordará a cuestión da “adaptación dos espazos con medidas de seguridade e de separación entre traballadores, e tamén coas medidas necesarias para atender ao público cando se poidan abrir xa as dependencias municipais na súa integridade”. Asegurou que o Goberno municipal xa está “traballando exhaustivamente na reordenación dos espazos municipais” pero que tamén quere “coñecer a opinión e recoller as achegas da oposición, como estamos recollendo tamén as dos propios funcionarios e dos distintos servizos”.
O alcalde cualificou a Xunta de Portavoces como unha “reunión construtiva” e na que se puxo en común “unha preocupación compartida polo Goberno, pola oposición e tamén pola cidadanía, porque estamos nunha situación na que queremos saber o que vai pasar o día despois, pero non podemos resolver incógnitas que non dependen do Goberno municipal, porque dependen das decisións que tome o Estado e nalgúns casos a Xunta de Galicia”. Neste sentido asegurou que “transmitín na Xunta de Portavoces que hai que ser sensatos, prudentes e responsables”.
Ademais das previsións da celebración de vindeiras comisións e do Pleno ordinario de maio, a xuntanza tamén serviu para darlle a coñecer aos grupos da oposición información pormenorizada do traballo que están facendo os distintos servizos municipais e de emerxencia municipal. Neste sentido, o alcalde puxo como exemplos a recollida de lixo porta a porta para persoas positivas por Covid, que neste momento se está realizando para 14 persoas, e considerou unha boa noticia este dato, posto que chegou a haber 32 persoas, polo que se deron de alta 18.
Como segundo exemplo, mencionou o traballo dos servizos económicos e o dato de 9 millóns de euros pagados a provedores nas últimas cinco semanas. Neste apartado, explicou que neste momento hai ao redor dun millón de euros pendentes de pago que maioritariamente corresponden a facturas do mes de abril, “o que significa que temos prácticamente o 100% de factura pagadas” engadiu. Tamén lembrou os máis de 11 millóns de euros que suman diversos proxectos en distinto grao de tramitación para poñer en marcha o día despois, e as actuacións de Viaqua que suman cifras por encima dos 15 millóns de euros.
![]() |
Lores, alcalde de Pontevedra |