Esta axilidade administrativa permitiu que xa se estean a prestar, atendendo ás necesidades agravadas polo Estado de Alarma, un total de 125.717 horas de Servizo de Axuda no Fogar ás persoas máis vulnerables e que 110 profesionais estean encargándose sobre o terreo do correcto funcionamento do servizo (10 técnicos/as superiores, 48 técnicos/as medios e 42 administrativos/as).
Despois do acordo do Comité de Seguimento Covid19, presidido por Carmela Silva, a Deputación convocou as subvencións o pasado 24 de marzo, acolléndose ás excepcionalidades recollidas no Real Decreto de declaración do Estado de Alarma, no que se permite a continuación dos procedementos relacionados cos servizos básicos. Ademais as bases deste ano modificáronse para que os concellos reciban o adianto do 100% das cantidades asignadas. A presidenta provincial amosou a súa satisfacción polos resultados desta iniciativa, toda vez que sen esta achega extraordinaria da Deputación, que se fixo chegar nun tempo récord, a meirande parte dos municipios non disporían de tantas horas de SAF, nin tampouco do persoal necesario para xestionalo nuns momentos nos que a atención ás persoas vulnerables non pode agardar.
A Deputación, que reforzou este programa substantivamente nos últimos anos, asigna 1.179.002 euros a cubrir os custos do persoal dos Servizos Sociais Comunitarios encargado de dirixir o servizo (os 110 profesionais contratados polos concellos) e 1.291.561,90 euros para sufragar a prestación directa do SAF nos domicilios por parte de persoal especializado. Ademais, para atender ás necesidades específicas causadas pola pandemia, autorizouse a compra de máscaras, produtos de desinfección (lixivia, alcol e similares), xabóns, xel hidroalcohólico, crema hidratante e produtos similares para a súa utilización durante o servizo.
O Servizo de Axuda no Fogar que subvenciona a Deputación é a modalidade básica, é dicir, a que se presta ás persoas que, aínda precisando de apoio para realizar as actividades da súa vida diaria, non teñen declarada a situación legal de dependencia e, por tanto, non poden beneficiarse do Sistema de Autonomía e Atención á Dependencia (SAAD). Sen embargo, cómpre non esquecer que son persoas maiores, con disfuncións e que lles impiden un correcto desempeño da súa vida cotián, en situación económica precaria e que carecen doutra rede de apoio.