SKA-P
 traerá -por fin- ao SonRías Baixas toda a enerxía festiva dos barrios 
obreiros co seu inflamable directo e
 coas súas cancións, xa convertidas en himnos. A organización do 
festival pecha hoxe por todo o alto o cartel musical da súa 18ª edición,
 que se celebrará os días 30 e 31 de xullo e 1 de agosto no Recinto da 
Estacada de Bueu, con dez novos nomes entre os que
 tamén destacan o inxenio e a tenrura do artista urbano total, Rayden; a particular combinación de estilos do malagueño
El Kanka; o rock de acento flamenco de Arco;o enerxético directo de
JazzWoman; a agardada volta dos Alamedadosoulna, despois de case tres anos de silencio; o hip hop tropical do neerlandés de orixe chileno
Maurino; a festa revolucionaria dos cataláns Oques Grasses; o enerxético punk folk galego dos
The Skarnivals; e o dúo de novísimos DJs e produtores lugueses Galician Army.
Estes artistas súmanse ao irresistible cóctel festivo do que xa formaban parte
El Drogas, que fora cantante e baixista de Barricada e un dos máximos representantes do rock español;
o mellor rapeiro en lingua hispana do mundo,
Kase.O; unha das voces máis salientables do underground latinoamericano,
Sara Hebe; o punk-rock dos Desakato, os ritmos do mundo de
García Mc & Nación Quilombo e a paixón pola tradición balcánica de Balkan Paradise Orchestra.
O
 SonRías Baixas chega así á súa maioría de idade cunha edición na que 
avanzará un paso máis a partir dun modelo xa consolidado, co obxectivo 
de chegar a un público máis
 amplo, sen perder a esencia dun festival que naceu da paixón polos 
festivais do equipo directivo e que os últimos anos ten conquistado o 
público de Galicia e do resto do Estado coa súa singular proposta de 
música, gastronomía e praia. O pasado agosto, 22.065
 persoas puxeron rumbo ao Destino SonRías dende toda a península, para 
gozar cunha programación musical de calidade, festiva e reivindicativa, 
pero tamén cunha completa proposta de ocio activo, profundamente 
integrada no territorio, que xerou na comarca un
 impacto superior ao millón de euros, cunha ocupación hoteleira do 100% e
 cos establecementos da vila ateigados de festivaleiros e festivaleiras.
 O reto, para a organización, é medrar neste ano no que o festival chega
 á maioría de idade sen perder de vista
 a singulariedade do proxecto.
