Os deputados e senadores do Partido Popular de Pontevedra reclaman en Madrid a creación de unha Unidade de Prevención e Reacción (U.P.R.) para a Comisaría de Policía de Pontevedra. Así o anunciaron a senadora Pilar Rojo; a voceira de Interior do PP no Congreso, Ana Vázquez; o deputado nacional, Javier Bas, e a concelleira e deputada provincial, Pepa Pardo, nas reunións que mantiveron esta semana cos sindicatos SUP e UFP, e na que lles explicaron que presentaron unha pregunta no Senado e unha proposición non de lei no Congreso para reclamar unha unidade que consideran imprescindible nos labores de prevención, como o tráfico de drogas ou vixiancia nos centros escolares, ademais de reacción fronte ao delito e que daría servizo non só a Pontevedra senón tamén a Vilagarcía ou Marín.
Os populares recordan que xa existía o compromiso de creala co Goberno de Rajoy, pero que co cambio de goberno nada se avanzou neste tema. Actualmente, explican, non se establecen controis habituais porque a Comisaría de Pontevedra carece deste tipo de unidades, e os poucos que se están facendo os realizan uns poucos funcionarios e sen os medios precisos para elo.
Ademais, os populares amosaron a súa preocupación polos últimos datos que se coñecen da taxa de criminalidade, que son os do terceiro trimestre de 2019, e que indican que Pontevedra ten a taxa máis alta das catro provincias galegas, co 6,6%, fronte ao 3,5 da media galega.
Na reunión falouse tamén da necesidade de reforzar a plantilla, e mellorar as taxas de reposición, xa que na provincia hai un déficit de 150 policías e, no caso da Garda Civil, de case 200 axentes.