A infancia de Rosalía de Castro é a protagonista da nova produción de
Culturactiva, unha montaxe destinada a público infantil e que recrea a
vida da escritora nun dos seus momentos de cambio fundamentais para a súa vida, o traslado desde Padrón a Santiago de Compostela. “Rosalía” adéntrase na infancia dunha nena fantasiosa e rebelde que imaxina o mundo e pon a xogar as palabras. Fina Calleja dirixe un texto de Nate Borrajo, interpretado
por Cristina Collazo e Rocío González. “Rosalía” estrearase no vindeiro
mes de febreiro e será a primeira montaxe que repara na infancia da
máis importante das escritoras galegas.
Rosalía ten que deixar a aldea e marchar para Santiago de Compostela. É
un cambio difícil para quen disfruta coa vida natural, para unha nena
afeita a vivir poñendo a xogar as palabras e inventando mundos e ditos. Rosalía é unha nena e xa está preparada para marchar, ten os baúles preparados, pero ela non está convencida da decisión. Este é o punto de inicio de “Rosalía”, a primeira obra de teatro que ten como protagonista a infancia da principal poeta galega. A obra ten como vocación rescatar para o público máis novo a infancia da escritora, explicando
o seu carácter como unha nena creativa, inconformista, lectora, activa e
rebelde ás cousas que considera que non son xustas. Valores que forman
parte da obra de Rosalía de Castro e que a rapazada só pode chegar desde
a súa explicación adulta. A poesía, a música e a creatividade da nena
que será unha das grandes escritoras universais son os argumentos da
peza para que os espectadores e as espectadoras
novas se acheguen á biografía e Rosalía sen deixar o carácter infantil:
xogos de palabras, música popular e o cambio de vida que a protagonista
terá que facer como paso dunha etapa a outra da súa vida. Un cambio que
na obra ten como reflexo unha grande parte de diversión e outra de
transmitir as sensacións da protagonista coas que os rapaces de entre
nove e doce anos poden sentirse identificados. |
|
Desde a mesmo momento da concepción da obra,
a intención é conseguir unha “Rosalía” atractiva para as nenas e nenos e
ao mesmo tempo darlles algunhas chaves para ir achegándose á súa vida infantil. Tamén se trata na obra de ver como a influencia da vida cando nena ten na obra da escritora á que as espectadores e espectadores coñecerán no futuro. Para este obxectivo, Culturactiva puxo en marcha unha equipa de traballo completamente feminina, coñecedora da obra de Rosalía de Castro e experta nas montaxes de teatro infantil. O texto da escritora e actriz Nate Borrajo nace do
coñecemento de Rosalía de Castro como autora e da maneira en que unha
actriz pode sacar adiante ese papel entre a fantasía e a realidade. A
directora da obra, Fina Calleja, ten dirixido
para Sarabela algunhas das producións fundamentais da compañía ourensá
para público novo. O elenco está formado por Cristina Collazo, que
asumirá o papel de Rosalía nena e de Rocío González, que asumirá dous
papeis, un como amiga de xogos da protagonista e outro como a súa
principal coidadora. As dúas actrices teñen unha longa traxectoria na
escena galega e tamén no seu audiovisual.
|
|
DIRECCIÓN. Fina Calleja. Egresada
da Real Escola de Arte Dramático e Danza de Madrid e licenciada en
Ciencias da Información pola Universidade Complutense. Durante anos
combina a actividade escénica con diversos traballos nos medios de
comunicación; membro da compañía Sarabela Teatro dende 1998. Dirixe o
seu interés cara o mundo da interpretación e as áreas de voz e dramaturxia. Actriz e docente na Aula de Teatro Universitaria de Ourense, asume no marco de SarabelaTeatro as responsabilidades de distribuidora e productora artística. Recibe os premios Maria Casares ao mellor texto adaptado polas versións teatrais de O Lapis do carpinteiro e Sexismunda, galardóns compartidos
con Ánxeles Cuña Bóveda e Begoña Muñoz. Interven como actriz en varias
series de televisión (Padre Casares entre outras) e crea e dirixe
Cristovo e o libro das marabillas ou O último dragón, o último
espectáculo infantil de Sarabela Teatro, entre outras.
ELENCO. Rocío González. Desde 2002 que comezou a traballar coa compañía A Factoría teatro, Rocío González ten traballado coas principais compañías do país e participado en algúns dos principais proxectos escénicos producidos en Galicia. Ten traballado en numerosas ocasións como integrante de elencos do
Centro Dramático Galego, en montaxes como A boa persoa de Sezuán, O
regreso ao deserto ou Xardín suspenso, entre outras. Tamén integrou o
elenco de As do peixe. Cunha longa experiencia en teatro infantil,
algúns dos títulos máis destacados nos que ten participado son Jim e a
illa do tesouro, O príncipe e o parrulo, ou Kafka e a boneca viaxeira.
No audiovisual participou en series como Luci, Terras de Miranda, Mar
libre ou Augasquentes.
ELENCO. Cristina Collazo. Actriz para todos os xéneros, ten desenvolvido unha intensa labor nos contacontos, nas actividades de animación teatral e en proxecto teatrais ligados ao Teatro Arte Livre. Entre as súas obras destacan obras como A Gaivota ou O retrato de Dorian Gray. En televisión ten participado en series como O sabor das margaridas, en Pazo de Familia ou en Dalia, a modista. |
|
CULTURACTIVA. Desde hai vinte anos, cando comezou o seu traballo escénico, Culturactiva tense convertido nunha das principais produtoras e distribuidoras de eventos escénicos en Galicia, tanto no teatral como no musical. Ademais de ser a distribuidora de artistas tan recoñecidos
internacionalmente como Leo Bassi, Jango Edwards ou Yllana e compañías
galegas como Baobab Teatro, Píscore ou Isabel Risco no mundo escénico. Como distribuidora musical, Culturactiva traballa con formacións musicais do país de gran prestixio, como son Guadi Galego, Mercedes Peón, Talabarte, Leilía ou O Sonoro Maxín. Na produción teatral, Culturactiva ten estreado espectáculos como Retrincos de Castelao, Sénior, Dous no Camiño, O Valo (coprodución con Pallasos en Rebeldía) ou Falar sen Cancelas.
|
|
|